Invisten máis de 25.800 euros na instalación da rampla para facilitar o acceso ao andar superior da Biblioteca municipal
Por Redacción
O edificio da Biblioteca municipal conta desde este mércores cunha rampla de acceso, unha estrutura demandada para facilitar a accesibilidade ao piso superior deste inmoble situado en San Antoniño, na parroquia de Perdecanai.
Ata a zona desprazábase o alcalde Xosé Manuel Fernández Abraldes, acompañado por outros integrantes do grupo de goberno. O proxecto supuxo un investimento que ascende a 25.899 euros. O financiamento realizábase a través dunha subvención da Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia cunha contía de 18.129 euros. O resto do custo da obra, 7.770 euros, foi sufragado por fondos propios do Concello de Barro.
Esta instalación conta cun horario de atención ao público de luns a sábados, de 09.00 a 14.00 horas, agás os martes e xoves, días en que o horario é vespertino, de 16.00 a 21.00 horas.
Desde xullo de 2020, esta Biblioteca Municipal atópase incorporada á Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, que xestiona a Xunta. Trátase dun espazo equipado con 31 postos de lectura e dispón dunha sala multiusos de preto de 150 metros cadrados para realizar diferentes actividades.
Esta Biblioteca dispón dun catálogo de máis de 8.000 libros, na súa maior parte procedentes de doazóns.