Policías e gardas civís concéntranse contra a reforma da Lei Mordaza co apoio de PP e Vox
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Decenas de persoas secundaron este mércores en Pontevedra a concentración convocada pola plataforma 'No a la España Insegura' para mostrar o seu rexeitamento á modificación da Lei de Seguridade Cidadá, a coñecida como Lei Mordaza, que ten en marcha o Goberno central.
A plataforma, integrada por sindicatos policiais, asociacións da Garda Civil e outras entidades sociais, convocou actos de protesta en toda España. En Pontevedra, foi unha concentración #ante a Subdelegación do Goberno en Pontevedra na que participaron todas as entidades convocantes e tiveron o apoio de representantes de PP e Vox. Entre eles estiveron a senadora do PP Pilar Rojo; os concelleiros `populares' Pepa Pardo, Silvia Xunco, Guillermo Juncal e Gerardo Pérez Puga; e o dirixente local de Vox Manuel Torres.
En nome da plataforma tomaron a palabra Víctor Vasco, de SUP Galicia, e Agustín Vigo, de UFP, que leron un manifesto no que denunciaron a modificación "sen diálogo e arbitraria" da Lei de Seguridade Cidadá nun momento no que as agresións a policías "están a dispararse" e as súas actuacións están a verse "comprometidas pola perda do principio de autoridade". Coa aprobación desta nova lei esas agresións "veranse máis agravadas".
Os manifestantes cuestionan unha reforma da lei "pactada nos despachos" que supón "ameazar a vida diaria dos cidadáns e deixar desprotexidos aos policías no seu traballo diario".
No manifesto denuncian que esta "desprotección" da que falan afectará as identificacións de persoas indocumentadas, que non poderán durar máis de dúas horas; á presunción de veracidade dos axentes, "sendo cuestionados soamente por ser policías"; ao material utilizado para o mantemento da seguridade cidadá; á celebración de manifestacións espontáneas ou ao corte de estradas sen aviso previo aviso; e a rebaixar as infraccións por tenencia de substancias estupefacientes na vía pública.
Os presentes na concentración quixeron dicir ao Goberno que "non nos van a calar" e que seguirán alzando a voz contra esta reforma, para que "non contribúa á creación dunha sociedade máis desprotexida e insolidaria coa cidadanía que si cre na orde e a convivencia".
Tras a protesta, Víctor Vasco insistiu en que descoñecen o "motivo exacto" polo que o Goberno ve "imperiosamente necesario" aprobar esta reforma que "vai supoñer un quebranto do noso traballo diario" e xerará unha "inseguridade total" dos policías que vai derivar " en inseguridade dos cidadáns".
Ademais explicou que un dos motivos polos que rexeitan a reforma é que os cidadáns poderán gravar aos policías e difundir as súas imaxes a través das redes sociais, "deixando a porta aberta a recibir ameazas" e a "poñer en perigo aos policías e as súas familias". Fronte a esta situación, con todo, non se permite aos policías gravar as súas intervencións, unha proposta que cren que "acabaría coas suspicacias de se nos axustamos á lei ou non" e que funciona en policías de todo o mundo.
Agustín Vigo engadiu que a plataforma pide ao Goberno que consulte antes de realizar a reforma, pois demostrou "non ter os coñecementos" para afrontar esta reforma e non escoitaron a quen si os teñen.