As obras na Rúa Real de Caldas durarán tres meses e custarán 285.000 euros
Por Redacción
Os traballos para a renovación das redes soterradas de servizos na Rúa Real de Caldas durarán tres meses, segundo anunciou o goberno municipal.
As obras, que executa a empresa Construcciones Vale, permitirán a instalación das redes de saneamento de augas pluviais e fecais, a renovación da rede de abastecemento ou a renovación das instalacións de alumeado público e de rego.
Ademais, instalaranse as canalizacións necesarias para o futuro soterramento das liñas aéreas de teléfono e subministro eléctrico na vía pública.
Con estas obras solucionarase o problema existente na Rúa Real onde as canalizacións de saneamento non estaban á profundidade necesaria para traballar correctamente por gravidade provocando algún desbordamento puntual en eventos de fortes choivas.
Coas novas obras auméntase tamén a sección das canalizacións, como xa se fixo no tramo da rúa García Bayón ata o lavadoiro.
O alcalde, Juan Manuel Rey, apunta que son unhas obras "esenciais" para a mellora e rehabilitación do centro histórico de Caldas. Custarán 285.000 euros, financiados principalmente polo Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
Relacionadas:
-
A partir de maio serán contratadas por 140.875 euros novas obras para sanear augas residuais de Caldas
Por Redacción |
-
50 vivendas serán rehabilitadas en Caldas grazas á sinatura do convenio para a terceira fase da ARI
Por Redacción |
-
As brigadas municipais de Caldas de Reis acometen un novo plan de mantemento e reparación das beirarrúas
Por Redacción |