O centro de saúde, a biblioteca e a Casa do Concello de Portas contan cunha instalación fotovoltaica colectiva
Por Redacción
O Concello de Portas acaba de poñer en funcionamento unha instalación fotovoltaica de autoconsumo que xa abastece máis dun 40% da demanda de enerxía de tres equipamentos: a Casa do Concello, o centro de saúde e a biblioteca.
A instalación, desenvolta por Voltfer, firma de renovables do Grupo Alvariño, supón unha aposta innovadora pola xeración colectiva de electricidade como unha alternativa óptima para reducir a dependencia enerxética en instalacións municipais con elevados consumos, e quere servir tamén de exemplo desde a administración cara á cidadanía sobre a necesaria transición cara ás renovables e modelos máis sostibles.
O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, visitou a instalación acompañado do presidente do Grupo Alvariño, José Manuel Fernández Alvariño; o director técnico de Voltfer-Grupo Alvariño, José María Fariña; e o responsable de Deicom Technologies, Gabriel González Fernández.
Ricardo Martínez puxo en valor esta iniciativa e asegurou que "vén confirmar a aposta clara e decidida do Concello de Portas polas enerxías renovables, a sustentabilidade e o compromiso activo co PACE co que pretendemos reducir un mínimo dun 30% as nosas emisións contaminantes".
Ao mesmo tempo, esta iniciativa vai encamiñada tamén a reducir o consumo enerxético e a diminuír substancialmente o custo do consumo de enerxía do concello. "Portas pasa das palabras aos feitos e incorpórase a unha nova concepción ambiental da man das enerxías renovables", engadiu o alcalde.
Segundo explicou o director técnico de Voltfer, no modelo deseñado para este autoconsumo colectivo, a planta fotovoltaica está situada sobre as cubertas do centro de saúde e conectada á súa rede interior, e fornece á Casa do Concello e ao edificio da casa da cultura-biblioteca, que dependen da súa produción como consumidores asociados.
A outra pata estratéxica do proxecto impulsado polo Concello de Portas pasa por incidir na concienciación da cidadanía sobre a necesaria transición enerxética cara a modelos máis sostibles.
Para iso, o proxecto fotovoltaico leva asociado un software “divulgativo”, desenvolto pola firma viguesa Deicom Technologies, que permite que os veciños poidan coñecer a produción eléctrica da instalación e outros datos de interese desde unha pantalla situada no mesmo centro de saúde.