Xa está preparado o Plan de Vialidade Invernal para as estradas de Pontevedra
Por Redacción
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu este martes o acto de firma do Protocolo que activa na provincia o Plan de Vialidade Invernal na Rede de Estradas do Estado para a campaña 2021-2022. O obxectivo deste Plan é, en caso de condicións meteorolóxicas adversas, reducir en todo o posible o número de tramos con restricións ao tráfico e evitar as retencións de vehículos, ou no seu caso, minimizar a súa duración.
Larriba destacou o importante despregue de medios humanos e técnicos cos que contará a provincia nesta campaña. En total, 10 camións quitaneves, 1 retropala cargadora, 1 pala mixta, 12 depósitos de sal con capacidade para almacenar 1.975 toneladas e catro plantas de salmoira.
Ademais das actuacións en caso de emerxencia, está previsto visto efectuar tratamentos preventivos no firme en situacións de baixas temperaturas naqueles sectores de autovías, autoestradas e estradas convencionais afectadas, evitando así a formación de placas de xeo e garantindo a seguridade nas estradas durante o inverno.
Nos niveis máximos de emerxencia, se a situación o requirise, contémplase tamén a mobilización da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
O protocolo establece ademais tres Postos de Mando Avanzado, un deles correspondente á zona meridional da provincia, situado nos Túneles do Folgoso e que atende especialmente aos portos de A Cañiza e Fontefría, o outro en Cerdedo-Cotobade, na zona central, que presta especial atención ao porto de O Paraño e outro en Lalín, que cubre a zona norte da provincia.
Este regulamento de actuación implica a diferentes servizos e unidades da Administración, como son o departamento de Carreteiras do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, á Garda Civil, aos servizos de Proteción Civil da propia Subdelegación, á Dirección Xeral de Tráfico, ao subsector de tráfico da Garda Civil e a Comisaria Provincial da Policía Nacional.
O documento especifica os procedementos de actuación e coordinación que se poñerán en marcha ante unha predición meteorolóxica adversa e durante o seu desenvolvemento, coa definición dos mecanismos particulares de cada fase da mesma: alerta, preemerxencia e emerxencia. Tamén se especifican os mecanismos de información, coordinación e cooperación cos órganos e autoridades da Xunta de Galicia e das distintas administracións locais.
Ademais, o Plan determina os tramos de estradas que poden resultar máis conflitivos en caso de nevadas, os Postos de Mando Avanzados que se establecerán; as zonas para estacionamento de vehículos pesados e lixeiros, en casos de peche ou restricións de tráfico, e os Centros de Conservación e Explotación onde se sitúan as máquinas quitaneves e outros equipamentos.
O protocolo, que estará vixente de novembro a abril, poderase activar en calquera momento se as predicións ou condicións metereolóxícas así o aconsellan.
A presentación do protocolo invernal realizouse este ano no Posto de Mando avanzado de Cerdedo-Cotobade, que da cobertura ao Porto de Paraño, na N-541.