Mesas de oito persoas, certificado covid nos restaurantes e a partir das 21 horas tamén nos bares
Por Oskar Viéitez
A Xunta e os hostaleiros acordaron este luns solicitar o certificado covid para acceder aos locais do sector co obxectivo de garantir a seguridade sanitaria debido ao aumento dos contaxios nas últimas semanas pero causando o mínimo prexuízo posible ao sector.
O Goberno galego, dacordo cos hostaleiros, proporá solicitar o certificado covid na hostalería, tanto de vacinación como de recuperación da enfermidade ou proba negativa, esta medida require autorización previa do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
A previsión é solicitalo nos restaurantes durante todo o seu horario de apertura e nos bares e cafetarías a partir das 21,00 horas.
Con esta medida, que xa se está a empregar no ocio nocturno e nos albergues de peregrinos, así como nas visitas aos hospitais, preténdese garantir a seguridade sanitaria para que se poidan manter os horarios e a capacidade máxima do 100% actuais no sector hostaleiro.
A implantación do certificado covid abordouse na reunión na tarde deste venres entre o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, con representantes da hostalería.
Tamén se trataron outras medidas coas que garantir unha hostalería segura con axustes no número de persoas por mesa ou agrupacións de mesas cun máximo de 8 persoas no interior e 15 no exterior, fronte ás 10 no interior e os 20 das terrazas vixentes ata agora.
Ao encontro, que xa estaba previsto desde a última reunión celebrada hai un mes para abordar o aumento da actividade en decembro debido ás celebracións de Nadal, tamén asistiron o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán.
Debido ás circunstancias actuais desde o punto de vista sanitario ante a covid co repunte da incidencia, a Xunta mantén o compromiso co sector para que a necesidade de garantir a seguridade sanitaria se poida compatibilizar co mantemento da actividade económica da hostalería e o turismo.
Relacionadas:
-
O TSXG valida prorrogar ata o 18 de decembro o uso do certificado covid para acceder a hospitais e locais de lecer nocturno
Por Diego Espiño |
-
A Xunta estudará limitar as actividades de pé ante o incremento dos contaxios
Por Oskar Viéitez |
-
Que restricións entran en vigor este sábado?
Por Oskar Viéitez |
-
Galicia prevé aproveitar o parón de Nadal para vacinar aos nenos de 5 a 11 anos
Por Alejandro Espiño |
-
Haberá terceira vacina para sanitarios, persoal de residencias e a poboación de 60 a 69 anos
Por Alejandro Espiño |
-
A semana iníciase con 225 casos activos de covid na área sanitaria
Por Diego Espiño |