Atropelan unha muller de 74 anos nun paso de peóns de Combarro
Por Oskar Viéitez
A Policía Local de Poio informou do atropelo dunha muller de 74 anos nun paso de peóns de Combarro. Foi sobre a unha da tarde deste venres, na Avenida da Cruz.
Segundo estas fontes oficiais, cando esta muller cruzaba a rúa, un vehículo que circulaba en dirección a Pontevedra parou para ceder o paso e o coche que lle precedía "a consecuencia dun descoido" chocou contra el desprazándoo ata atropelar a esta veciña.
As lesións foron graves e tivo que ser trasladada de urxencia nunha ambulancia do 061.
A Policía Local investiga o accidente para dar conta a autoridade xudicial das dilixencias.
Desde o Departamento de Seguridade Cidadá xa se remitiron informes do perigo da zona solicitando á Xunta iluminación e cambio de localización e mellora dos elementos redutores de velocidade.
A Policía Local insistiu en que "a PO-308 segue sendo o punto de concentración de sinistros dada a súa alta inseguridade".