Alumnado de Vigo, Pontevedra e Soutomaior gaña o concurso escolar contra a violencia de xénero
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Nerea Vázquez Lameiro, do IES Ricardo Mella de Vigo; César Outón Fernández, do IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra; Daniel Acuña Acuña, do Sagrado Corazón de Jesús de Pontevedra; e Inés Malvesada Rodiño, do colexio Santiago Apóstol de Soutomaior. Son os catro gañadores do primeiro premio nas distintas categorías da quinta edición do Concurso Escolar de Fotografía e Vídeo contra a violencia de xénero organizado pola Subdelegación do Goberno de Pontevedra.
A Subdelegación do Goberno deu coñecer os premiados este xoves ao remate da reunión do xurado, que a propia subdelegada, Maica Larriba, presidiu na sede do edificio oficial.
Maica Larriba amosouse moi contenta da acollida, un ano máis, do concurso e dos novos formatos introducidos o ano pasado, o vídeo e a fotografía. Así, destacou que todos os traballos participantes tentaron transmitir a súa visión sobre a violencia machista, e en particular a violencia vicaria, que centra esta edición e "os resultados non poden ser máis satisfactorios".
A subdelegada recordou que este concurso enmárcase nas actividades da Delegación do Goberno en Galicia para conmemorar o 25N, Día Internacional para a eliminación da violencia sobre as mulleres, e lembrou a "importancia de seguir promovendo unha reflexión social sobre esta preocupante eiva que nos atinxe a todos e todas".
"Só a concienciación pode evitar que no futuro se repitan as cifras do noso presente, no que unha de cada dúas mulleres españolas sufre ou sufriu violencia polo mero feito de ser muller e no que 1,6 millóns de nenos e nenas españolas viven en fogares onde a súa nai sofre violencia machista", sinalou Larriba
O xurado estivo formado por catro expertos na materia para analizar as obras e seleccionar os gañadores: Mónica Patxot, fotógrafa de PontevedraViva; Andrés Fraga, profesor do departamento de Comunicación audiovisual e Publicidade da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigo; Emma Torres, profesora e decana desta mesma facultade; e Belén Rubido, xuíza decana de Pontevedra e titular do Xulgado do Penal número 4 da cidade, especializado en violencia de xénero.
Na modalidade de fotografía na categoría de ESO, FP Básica e FP Ciclo Medio os premios foron para Nerea Vázquez, do IES Ricardo Mella de Vigo (1); Anxo Barcala, do centro concertado plurilingüe de Vigo (2); e Daniel Parada Sanmartín, do colexio Inmaculada de Marín (accésit) .
Na modalidade de fotografía na categoría de Bacharelato e FP Ciclo Superior os premios foron para César Outón Fernández, do IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra (1); Hugo Vidal Conde, do IES Santiago Apóstol de Soutomaior) (2) e Antía Iglesias de la Torre, tamén do do IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra (accésit).
Na modalidade de vídeo na categoría de ESO, FP Básica e FP Ciclo Medio os premios foron para Daniel Acuña Acuña, do colexio Sagrado Corazón de Jesús de Pontebedra (1) e Alba Sobreira García, do CPR Plurilingüe Vigo (2).
Na modalidade de vídeo na categoría de Bacharelato e FP Ciclo Superior os premios foron para dúas alumnas do colexio Santiago Apóstol de Soutomaior, Inés Malvesada Rodiño (1); e Nerea Bascuas Ríos (2).
Os gañadores e gañadoras do primeiro premio recibirán un ordenador portátil, os do segundo unha tableta e os de accésit un vale por un importe de cen euros.
Relacionadas:
-
Marín prepárase para o 25N
Por Redacción |
-
Maica Larriba destaca a figura de Emilia Pardo Bazán como un referente para a mocidade
Por Redacción |
-
As autoridades constatan unha "tendencia estable" nos casos e dilixencias da violencia machista
Por Redacción |
-
Fotografías e vídeos para que os adolescentes reflexionen sobre a violencia vicaria
Por Natalia Puga |
-
Preto de 500 fogares pontevedreses con menores viven nun ambiente de violencia de xénero
Por Natalia Puga |