Cortan o tráfico na rúa Dinamarca para acabar coas carreiras de coches
Por Redacción
A pedimento dos propios veciños, o Concello decidiu pechar ao tráfico parte da rúa Dinamarca, no barrio de Monte Porreiro. O obxectivo desta medida é acabar co paso de coches a gran velocidade por esta zona, mesmo con carreiras rexistradas polas autoridades.
A rúa Dinamarca é a que se sitúa na contorna do parque do Miradoiro, en Monte Porreiro, e nela están edificadas vivendas unifamiliares, polo que o seu uso é exclusivamente residencial.
Os veciños trasladáronlle esta problemática ao goberno municipal, e por acordo de todas a partes, e dado que se trata da solución máis rápida en executar, acordouse cortar a rúa na metade, creando un espazo peonil no que non poderán acceder vehículos.
Deste xeito córtanse os tráficos dun lado para outro e impedindo as carreiras que se rexistran con certa frecuencia.
Ademais, os residentes tamén advertiron dun problema coa rede de saneamento e solicitaron outras medidas en relación ás rozas así como de reposición de lousas nas beirarrúas, que o Concello vai a atender dentro do mantemento habitual do barrio.
Desde a plataforma Monte Porreiro Quere Avanzar celebran esta decisión porque evita a colocación de lombos ou redutores "e corta polo san o circuíto de velocidade que fan algúns condutores irresponsables ".
Ademais, destacan que con este proxecto "favorecemos tamén que a rapazada e as súas familias teñan máis tranquilidade nas proximidades do parque infantil", polo que consideran que a mellora da calidade de vida da zona será "palpable".