Comisións Obreiras denuncia as "represalias" de Zara contra o persoal da tenda de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
O sindicato Comisións Obreiras (CC.OO.) denuncia que Zara "toma represalias" contra o persoal da súa tenda de Pontevedra tras perder unha sentenza en materia de conciliación.
En concreto, tratábase dunha demanda de concreción horaria, é dicir, a determinación de período de goce nos permisos por lactación e por redución de xornada por motivos familiares.
"Como reacción a este revés xudicial, a resposta da empresa é a imposición do cambio de horarios a oito traballadoras dun total de cincuenta", asegura este sindicato.
A medida só afecta ás dependentas e a ningún responsable ou mando intermedio, puntualizan desde Comisións.
"Non imos consentir que, polo feito de perder unha sentenza, a dirección queira prexudicar a todo o persoal e meterlle medo para que deixe de defender os seus dereitos", incide o sindicato.
Desde CC.OO. lembran que calquera traballador ten dereito a modificar a súa xornada para poder conciliar a vida laboral coa familiar, sempre que non haxa causas organizativas que o impidan. "Malia ser un dereito regulado por lei, Zara mantén unha actitude ditatorial, rexeitando por sistema as peticións favorables á conciliación e obrigando a acudir á vía xudicial, como foi neste caso", afirma CC.OO.
Advirten desde este sindicato que, "na tenda de Zara en Pontevedra chove sobre mollado, pois padecen outros problemas ademais da xudicialización das relacións laborais, como a sobrecarga de traballo".
Aseguran que a empresa amortizou nos últimos tempos catro postos de traballo a xornada completa que sumaban 160 horas semanais. Ao non haber novas contratacións, as tarefas foron redistribuídas entre o resto do persoal, que maiormente son mulleres con contratos de xornada parcial.