Moraña presenta a súa programación ao redor do 25N
Por Redacción
De cara á conmemoración do 25 de novembro, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o Concello de Moraña vén traballando desde o Centro de Información á Muller (CIM) a través de Servizos Sociais para establecer unha programación que abra esta data a toda a cidadanía e especialmente aos centros educativos.
Está previsto que o día 25 de novembro, ás 10.00 horas, se proceda á lectura do manifesto institucional diante do Multiusos, na Carballeira.
Acto seguido, baixo o título "O CIM sae á rúa" instalarase diante da Casa do Concello unha mesa informativa, de 10:30 a 13:00 horas, para informar dos seus servizos e explicar en que consiste o seu labor.
O LIBRO VIOLETA
O día 26 de novembro, ás 18.00 horas, o Multiusos acollerá a presentación do Libro Violeta, unha iniciativa que contou coa activa participación do alumnado do colexio de Santa Lucía.
Esta publicación nace dun traballo realizado co alumnado de Primaria e da ESO que se centrou na figura da muller dentro da comunidade. "Pedímoslles aos nenos e nenas que reflexionasen sobre as súas nais pero fóra do rol maternal, que as observasen como mulleres, como profesionais… noutros roles diferentes", explican desde Servizos Sociais.
Os máis pequenos traballaron con debuxos nos que debían plasmar ás súas nais ubicadas en tarefas que eles consideraban que lles gustaban máis, coa finalidade de estudar en que nivel de estereotipo se sitúa a mentalidade dos rapaces.
Pola súa banda, os de 3º e 4º de Primaria compararon esas situacións entre as súas nais e as súas avoas, para comprobar se observaban cambios xeracionais con respecto ás afeccións e aos gustos. No que respecta aos de 5º e 6º de Primaria, encargóuselles elaborar símbolos que representen ás súas nais.
Ademais do traballo do alumnado, no libro recolléronse as impresións respecto ao rol da muller que compartiron as usuarias do programa Círculo de Moraña.
Todos estes traballos poderán verse na Casa da Cultura durante a próxima semana, onde estará a exposición.
O alumnado de Secundaria traballou doutro xeito, en formato entrevistas. Primeiro tiveron que facer unha autoavaliación, respondendo preguntas sobre as súas nais. Despois, levaron a casa este cuestionario para facerllo directamente a elas.
Tras a presentación do libro, o Multiusos acollerá un pequeno coloquio sobre todo o feito ata o momento e os proxectos futuros que se desenvolverán en Moraña en materia de política de igualdade.
Finalmente, o 4 de decembro ás 20:00 horas está programada a obra de teatro "12 uvas, 12 mulleres e 1 oliva".
Relacionadas:
-
O 25N celébrase en Moraña concienciando á cidadanía sobre o seu "papel fundamental" para unha sociedade libre de violencia
Por Redacción |
-
Co Mes da Muller, volven a Moraña os encontros do Círculo das Mulleres nas parroquias
Por Redacción |
-
O Círculo de Mulleres de Moraña fomenta as habilidades sociais e a participación
Por Redacción |