Unha porta no tempo para coñecer a Alameda ao longo do seu século e medio de historia
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Desde que o arquitecto Alejandro Sesmero creou a Alameda de Pontevedra en 1879 ata a actualidade, o espazo, a maior zona verde do centro da cidade, foi evolucionando e cambiando o seu aspecto e os seus usos sociais.
Foi modificándose social e arquitectónicamente en paralelo á historia da cidade e por moitos libros ou explicacións históricas e turísticas que poidamos consultar, pode resultar complicado facerse a unha idea das diferentes etapas polas que pasou. Unha App para dispositivos móbiles pon solución a esas dificultades.
A modo de porta no tempo, ‘Time Trip’ permitirá a pontevedreses e turistas coñecer a historia da Alameda a través deste case século e medio de historia. Deseñada pola empresa Xoia Software Development SL., con ADN pontevedrés, xa está dispoñible para todos os dispositivos móbiles e sistemas operativos e ofrece unha navegación accesible para todos os públicos.
O concelleiro de Desenvolvemento Sostible de Pontevedra, Iván Puentes, e o CEO de Xoia, Xoel Vázquez, presentaron este xoves o proxecto, que xa é unha realidade a través de dúas peanas ou plataformas instaladas nos dous extremos da Alameda, unha na zona da praza de España e outra ao final do paseo, no entroncamento coa avenida Reina Vitoria. Á presentación tamén asistiron os concelleiros de Turismo e Benestar Social, Yoya Blanco e Marcos Rey.
A App pode descargarse a través desta ligazón ou nas distintas tendas de aplicacións baixo o nome ‘Time Trip Pontevedra’ e ten un uso sinxelo. Un mapa indícache onde están as dúas peanas a través de GPS e, unha vez ante cada unha delas, enfocando co teléfono móbil, xa aparece toda a información, democratizando a experiencia a calquera cidadán ou turista sen esforzo nin económico nin de formación.
Iván Puentes explicou que este proxecto é "un fito máis" no traballo para "recuperar a maxestuosidade" da Alameda e que, a través da realidade aumentada, ofrece á poboación a información máis importante sobre como xurdiu este espazo e a importancia que tivo ao longo da historia no desarollo da cidade.
Na peana máis próxima á praza de España, a propia voz de Alejandro Sesmero explica os inicios da Alameda e logo pódese ir coñecendo a evolución do espazo desde os puntos de vista arquitectónico e social.
Xa na plataforma situada no outro extremo pódense contemplar as vistas que tiña a Alameda sobre a Ría de Pontevedra ao longo da súa historia, antes de que se construísen os edificios que agora practicamente tapan a visión, a ponte da autoestrada ou a fábrica de Ence.
Iván Puentes explicou que esta é a primeira intervención e confían en estendela a outras zonas verdes da cidade. A App xa está deseñada para ir acollendo os novos puntos que se vaian incorporando, e que incluirían, por exemplo, o parque das Palmeiras e a contorna da praza de Galicia.
A App poderá utilizarse como recurso turístico e tamén para que a cidadanía pontevedresa coñeza mellor a súa cidade e a súa historia. Xoel Vázquez explica que esta realidade aumentada permite "xa non só imaxinar, senón poder ver e interactuar con este espazo para poder percibir como era no pasado" e é un recurso interesante para ambos os públicos.
Está pensado para coñecer a cidade de forma "inmersiva e pedagóxica" e para achegarnos á súa historia dunha forma "distinta, moderna, divertida, máis ilustrativa".