O Servizo do Aparello Dixestivo do CHOP logra o seu segundo Best in Class pola súa atención á hepatite C
Por Redacción
O Servizo de Aparello Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra ven de recibir por segundo ano consecutivo o galardón nacional Best in Class 2021 a Mellor Unidade de Hepatite C en Atención ao Paciente.
Estes premios, que convoca anualmente a publicación especializada Gaceta Médica xunto coa Cátedra de Innovación e Xestión Sanitaria da Universidade Rey Juan Carlos, teñen como obxectivo principal recoñecer publicamente a aqueles centros sanitarios que buscan a excelencia na atención que prestan aos seus pacientes. As categorías que premian este ano son ao mellor Centro de Atención Primaria, ao mellor hospital e aos 37 mellores servizos e unidades de todo o eido nacional, tanto de centros sanitarios públicos coma privados.
O acto oficial de entrega destes galardóns nacionais, que este ano 2021 acadou a súa décimo sexta edición, tivo lugar este martes nunha gala presencial en Santiago de Compostela que tamén estivo retransmitida en directo a través da canle de Gaceta Médica na plataforma de Youtube.
A concesión destes premios está baseada fundamentalmente na puntuación obtida polos candidatos co Índice de Calidade Asistencial ao Paciente -ICAP-, que se establece a partir da análise multivariable dos datos recollidos nos cuestionarios de autoavaliación cubertos polos centros hospitalarios e de Atención Primaria e que, posteriormente, avalía un comité de expertos.
Dende o ano 2015, o Servizo de Aparello Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra ten en marcha unha planificación encamiñada a que calquera paciente poida ter a posibilidade de curarse da Hepatite C da forma máis segura e rápida. Cómpre subliñar que esta patoloxía é un problema de saúde pública moi grave, coñecida como a pandemia silenciosa, xa que non presenta síntomas ata que está nun estadio moi avanzado.
Este Servizo xa suma máis de 1150 pacientes tratados, dos que máis do 98% xa están curados.
Estímase que a cifra de pacientes con Hepatite C non diagnosticados na Área Sanitaria de Pontevedra e o Salnés veuse reducida nun 90% nos últimos anos. Esto é posible grazas a aposta, do Servizo de Aparello Dixestivo, pola inversión no big data e nas ferramentas de Intelixencia Artificial do SERGAS para mellorar a identificación de pacientes con Hepatite C e poder tratalos no menor tempo posible.
Tamén destacan outras accións postas en marchas nestes últimos cinco anos, tales coma: a creación de circuítos de identificación de novos casos e acceso rápido a tratamentos; a implantación pioneira en Galicia do diagnóstico da Hepatite C nunha única mostra de sangue xunto co Servizo de Microbioloxía; o acceso aos ensaios clínicos e o uso da Intelixencia Artificial no marco do programa FOCUS Galicia.
Segundo sinala o xefe do Servizo de Dixestivo, o doutor Juan Turnes, “este recoñecemento non sería posible sen o apoio da Xerencia da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés e se non contáramos cun equipo multidisciplinar, formado por profesionais de Atención Primaria, Farmacia, Microbioloxía, Admisión, ademais da colaboración explícita do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur”.
Sen restar relevancia a este galardón, a Área Sanitaria se congratula cos outros servizos e procesos asistenciais do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra que resultaron elixidos finalistas nos premios Best in Class 2021: a unidade de tratamento de asma, o servizo de Anestesioloxía e Reanimación pola súa xestión asistencial no eido dos pacientes cirúrxicos e o servizo de Aparello Dixestivo pola súa atención a patoloxía dixestiva.
Relacionadas:
-
O Plan galego de eliminación da Hepatite-C é un "referente mundial"
Por Redacción |
-
Os servizos de Dermatoloxía e Dixestivo da área sanitaria e o Ambulatorio Virxe Peregrina, os 'Best in Class' de España
Por Redacción |
-
Pontevedra, primeira área sanitaria galega que trata a obesidade con gastroplastia endoscópica
Por Redacción |
-
O Servizo do Aparello Dixestivo do CHUP xa é referente nacional na atención á hepatite C
Por María José Pita |
-
37 residentes, homenaxeados ao finalizar a súa formación na área sanitaria
Por Redacción |
-
A área sanitaria reforza efectivos en saúde mental coa incorporación de máis profesionais
Por Redacción |
-
O CHUP incrementará as colonoscopias do programa de detección precoz do cancro colorrectal
Por Redacción |
-
A atención á hepatite C na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés é "a mellor na súa clase"
Por María José Pita |