O PP de Poio esixe auga e saneamento para Vilariño
Por Oskar Viéitez
O portavoz do Partido Popular de Poio, Ángel Moldes, esixiu este martes auga e saneamento para os veciños de Vilariño e doutros lugares do Concello que carecen destes servizos municipais básicos. Fíxoo en declaracións aos medios tras unha visita a núcleo da parroquia de San Xoán, "un dos puntos do Concello aos que aínda non chegaron os servizos municipais".
Moldes, acompañado da concelleira popular Rocío Cochón, propuxo que o novo contrato da auga sirva para poñer unha solución "despois de 26 anos de abandono" e lembrou que o contrato de concesión da auga municipal finalizou en decembro de 2017 e o Goberno local veno prorrogando dende enton, e destacou que a lei só permite cinco prórrogas. "Non ten explicación que tarden tanto e esgoten todas as prórrogas. A que están esperando?", preguntou.
"Non sabemos se o motivo de non sacar o contrato é que dentro do tripartito están divididos", explicou Moldes, ou que o Goberno local "intente esconder unha subida da auga de máis do 30%", engadiu.
Moldes subliñou que as competencias de auga e saneamento son municipais, polo que "despois de 26 anos no goberno xa non valen as desculpas" e afirmou que "os informes oficiais dos técnicos avisan que hai máis de 2.000 veciños sen saneamento e 1.000 sen auga".
RESPOSTA MUNICIPAL
Desde o Goberno local a tenente de alcalde, Chelo Besada, responsable da área de Obras e Servizos Municipais, insistiu en que "o obxectivo do Concello de Poio é cubrir o 100% do territorio no que a dotación de servizos básicos se refire".
No caso de lugares como Vilariño, Besada lembra que en 2019 se mantivo unha reunión con Augas de Galicia para solicitarlle fondos para acometer unha actuación por valor de preto de 2 millóns de euros, pero "a solicitude non foi escoitada". Segundo a tenente de alcalde, "a Xunta leva máis de 15 anos sen achegar a Poio nin un só euro para saneamento. O último investimento neste eido realizouno o Goberno autonómico do bipartito, foron 800.000 euros para a dotación de abastecemento en San Martiño (San Xoán)".
O Goberno local "está a ultimar toda a tramitación" para sacar a licitación o novo contrato da auga en 2022, que incluirá actuacións para a ampliación e a mellora de servizos básicos en zonas nas que aínda non existe.
A Concellería de Obras tamén lembra "as numerosas actuacións que, a través de medios e persoal municipal, se están a cometer no rural para continuar ampliando a rede de servizos. A día de hoxe, preto do 90% do ámbito municipal conta cos devanditos servizos".
Por último, a edil socialista tamén lembra que a Xunta de Galicia recada en Poio máis de 400.000 euros do canon da auga, "sen repercuta nin un só euro de investimento para a nosa veciñanza".