Marín premiará por segundo ano as mellores decoracións de Nadal
Por Redacción
Tras o éxito do pasado ano, o Concello de Marín volverá a apostar por premiar os escaparates mellor decorados da vila durante as festas de Nadal.
O obxectivo é facer cómplices da ornamentación de Marín a comerciantes, hostaleiros e cidadáns, para os que haberá premios en cada unha destas tres categorías.
Para poder participar, será preciso ter a decoración exposta desde o 10 de decembro ata o 6 de xaneiro, segundo informa o goberno municipal.
En todas as categorías, haberá un primeiro premio de 300 euros e un segundo de 200 euros. Ademais, farase un sorteo entre todos os participantes por valor de 100 euros.
O fallo do xurado realizarase o luns 28 de decembro. Valorarán que os adornos conteñan motivos alusivos ás festas, que haxa boa iluminación (preferentemente LED), a orixinalidade e a singularidade e a utilización de material reciclado.
Entre os comercios, analizarase en conxunto o mellor escaparate e interior dos comercios e negocios participantes. Na hostalería, pola súa banda, terase en conta tamén a mellor entrada e interior do establecemento, así como as ventás.
Con respecto ás vivendas haberá dúas modalidades. Poderán participar comunidades de veciños, que deberán decorar as entradas principais dos seus edificios e que esas decoracións sexan totalmente visibles dende a vía pública; ou vivendas unifamiliares, nas que de novo, a decoración tanto de fachadas como xardíns deben ser visibles dende a vía pública
En todos os casos haberá que usar elementos decorativos tradicionais do Nadal e os obxectos de venda que se atopen nos escaparates poderán ser cambiados, sempre que non se modifique a decoración que concursa.
Relacionadas:
-
O alumeado recibe o Nadal en Marín
Por Redacción |
-
Repartirán 5.000 euros en vales de compra entre os consumidores de Marín
Por Redacción |
-
Marín converterase nunha vila de Nadal desde o 3 de decembro
Por Redacción |
-
O Mini Mercado de Nadal abrirá o sábado 11 de decembro na Alameda de Marín
Por Redacción |
-
Marín recuperará o tren do Nadal e as carpas da Alameda e do Parque Eguren
Por Redacción |
-
As ONGs e o Concello de Marín empezarán a preparar un Nadal no que potenciarán o voluntariado
Por Redacción |