Funcionarios e pacientes accederán por lugares distintos ao edificio da Xunta durante a campaña de vacinación
Por Manu Otero
O edificio administrativo da Xunta en María Vitoria Moreno foi escenario este luns da presentación por parte do Sergas e do Goberno autonómico da estratexia da nova campaña de vacinación masiva que a área sanitaria levará a cabo na sala de exposicións deste inmoble. A partir do día 19 de novembro acudirán a este punto unhas 16.000 persoas de 70 a 79 anos. O proceso durará 11 días e vacinarase a un ritmo de 750 persoas por cada un das dúas quendas diarios.
No encontro participaron, ademais do delegado territorial da Xunta, Luís López, e o xerente da área sanitaria, José Ramón Gómez; os xefes territoriais de cada consellería, os servizos de seguridade, Policía Autonómica e traballadores da área sanitaria. O principal acordo adoptado centrouse na organización dos fluxos de pacientes así como a coordinación co resto de usos do inmoble.
"Non vai haber cruces entre persoal funcionarial e persoas que se veñen vacinar", asegura Luís López. Deste xeito, os pacientes accederán á sala de exposicións a través do portón situado nun dos laterais da garita de seguridade. A espera farana baixo a visera do edificio para acceder logo ao interior da sala por unha porta e abandonala por outra. Para a administración desta terceira dose non é necesario esperar 15 minutos despois de recibir a vacina, polo que a rotación será aínda máis rápida.
Pola súa banda, os funcionarios que traballan neste edificio e as persoas que deben acudir a el para realizar calquera tipo de xestión seguirán entrando pola garita de seguridade, pero logo entrarán ao edificio pola porta situada á beira da cafetería.
Un aspecto que está aínda por resolver é o relacionado cos aparcamentos, para o que a Xunta se poñerá en contacto co Concello co obxectivo de habilitar prazas ou algún dispositivo especial que afecte o menos posible ao tráfico na zona.
Sobre os datos técnicos da campaña falou o xerente da área sanitaria, José Ramón Gómez, quen detallou que durante os próximos once días vacinaranse nos recintos de Pontevedra e Vilagarcía un total de 22.000 persoas de 70 a 79 anos. Ademais, algunhas das persoas que recibiron a vacina de Janssen volverán ser citadas para recibir unha nova dose de Pfizer ou Moderna.
Sobre a inmunización na área de Pontevedra e O Salnés, afirmou Gómez que o 94 % da poboación xa está inmunizada e deles a só o 0,4 % queda unha dose por recibir. Ademais, xa son 12.000 as persoas que recibiron a terceira dose.
A administración desta terceira dose da vacina contra a covid-19 farase de forma simultánea coa campaña de vacinación contra a gripe. De feito, as persoas maiores de 80 anos xa recibiron na mesma cita as dúas vacinas. Agora, son os maiores de 65 anos os que están a ser chamados para recibir o tratamento contra a gripe, que seguirá logo polos maiores de 60 e os menores con problemas de saúde. A partir de decembro estenderase a campaña ao resto da poboación.
Sobre o nivel de incidencia da covid-19, Gómez lanzou unha mensaxe de tranquilidade, aínda que recoñece que as cifras de contaxios seguen subindo. "O importante é que non teñen impacto na hospitalización", declarou. Ademais hai uns dez concellos que seguen sen rexistrar positivos por covid-19 e outros cinco con menos de cinco casos. Con todo, existen outros como Pontevedra, Sanxenxo ou Vilagarcía nos que os contagios están a crecer aínda que "sen incidencias relativamente altas".
Relacionadas:
-
Sanidade advirte de trampulladas a través de chamadas e SMS a persoas que agardan a terceira dose da vacina contra a covid-19
Por Redacción |
-
O 'vacinódromo' terá prazas de estacionamento de balde só para as persoas con mobilidade reducida
Por Oskar Viéitez |
-
Sanidade habilita a sede da Xunta en Campolongo como centro de vacinación masiva
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Pontevedra busca espazos alternativos ao Recinto Feiral para o 'vacunódromo'
Por Alejandro Espiño |