Ángeles Caso e Manuel Darriba recollen os seus premios de xornalismo
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O Café Moderno acolleu este venres a gala de entrega dos seus galardóns de xornalismo: o XXXIV Premio de Xornalismo Julio Camba e o X Premio de Xornalismo Fernández del Riego, que recoñecen artigos publicados no último ano en diarios ou cabeceiras periódicas en lingua castelá e galega, respectivamente.
Ángeles Caso recolleu o Julio Camba, que obtivo polo seu artigo titulado Lo que quiero ahora, publicado en El Magazine o 22 de xaneiro de 2012; Manuel Darriba recibiu o premio Fernández del Riego que recoñeceu o seu texto Grises aparecido en De luns a venres o 4 de setembro de 2012. Ambos os gañadores xa foran dados a coñecer no pasado mes de xuño nunha rolda de prensa convocada polas entidades organizadoras dos premios.
O artigo de Caso, Lo que quiero ahora, conmove e chama á vida, á sinxeleza das cousas pequenas, á humildade e á liberdade. Nun ton íntimo, fondamente emocional e cunha voz sensible á vez que imperativa, a escritora insta a ollar cara ao sinxelo, cara ás cuestións do día a día, con humildade, convídanos a vivir.
Así mesmo, o artigo gañador do Fernández del Riego asinado por Darriba, baixo o título Grises, fai unha chamada de atención sobre o tratamento mediático da crise. Cunha prosa áxil, directa e reivindicativa, o escritor lucense reclama aos medios que se deteñan e que reflexionen sobre as persoas.
Os dous premiados comparten a súa paixón pola escrita, xa que, tanto Caso como Darriba teñen un estreito contacto co mundo da prensa, das publicacións periódicas e da creación.