Unha médica prestará servizo mixto no Centro de Saúde de Marín e tamén en Seixo para cubrir a actual vacante
Por Redacción
A praza de facultativo vacante no centro de saúde de Seixo, en Marín, será cuberta a partir desta semana, segundo anuncia a Xerencia da Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés.
O Servizo Galego de Saúde (SERGAS) xa anunciara en xuño nun encontro co persoal médico do consultorio de Seixo, con representantes municipais e cos directivos das asociacións veciñais que se buscaría solución para cubrir esa praza. Naquel momento, segundo o SERGAS, non se podía abordar debido á indispoñibilidade de profesionais médicos na época de vacacións estivais.
José Ramón Gómez, xerente da área, afirma que naquela reunión non se atopaba presente ningún representante da Plataforma de Defensa da Sanidade Pública e, desde este colectivo, ninguén solicitou información sobre as xestións que se desenvolvían para cubrir todas as prazas.
A próxima semana cubrirase unha das dúas vacantes que existían neste momento no Centro de Saúde de Marín, grazas ao traslado dunha médica de familia procedente doutra área.
Con esta incorporación, unha das médicas de familia que atende neste centro na zona urbana da vila realizará unha cobertura mixta, prestando tamén servizo durante dúas xornadas en Seixo e tres en Marín.
Con esta fórmula, Seixo contará a partir deste luns 15 cun médico de familia durante tres días á semana e con dous facultativos durante os outros dous días restantes.
Relacionadas:
-
Instalan pancartas para pedir o segundo médico a tempo completo no Centro de Saúde de Seixo
Por Redacción |
-
A Plataforma de Seixo descubre unha reunión "ás agochadas" do xerente da área sanitaria e a alcaldesa de Marín
Por Redacción |
-
Ampla presenza de poboación de Pontevedra-O Salnés na marcha en defensa da Atención Primaria en Santiago
Por Redacción |
-
O PSOE leva ao Pleno a esixencia de cubrir as vacantes de médicos en Marín
Por Redacción |