Os Gafos, máis preto de ser o primeiro río galego con protección de "Espazo Natural"
Por Redacción
O Diario Oficial de Galicia publicará a vindeira semana a resolución da Dirección Xeral de Conservación da Natureza pola que se somete a información pública a declaración de espazo natural de interese local (ENIL) do río Gafos.
Segundo consta na resolución, as alegacións formularanse durante un período de 20 días que comezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación.
Os ENIL son aqueles espazos integrados nun termo municipal, que polas súas singularidades son merecedores dalgún tipo de protección dos seus valores naturais.
A área comprendida na solicitude deste ENIL conta cunha superficie de 47 hectáreas. Os límites do espazo natural do río dos Gafos sitúano nunha zona que limita ao sur coa parroquia de Figueirido, no concello de Vilaboa; ao leste coa parroquia de Tomeza e ao oeste coa parroquia de Salcedo.
Xunqueira de Alba, o primeiro Espazo protexido de Galicia
Hai que lembrar que o pasado 24 de setembro a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publicou no DOG a aprobación do Plan de conservación do espazo natural de interese local Xunqueira de Alba, en Pontevedra, polo que se converteu no primeiro de Galicia declarado definitivamente e con plan de conservación aprobado.