Manuel Campos pretende establecer alianzas para impulsar o sector do termalismo
Por Redacción
Manuel Campos, alcalde de Cuntis, visitaba este mércores á deputada de Turismo da Deputación de Lugo, Pilar García Porto, como presidente da sección de Vilas Termais da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).
Con este novo encontro o rexedor cuntiense busca establecer un marco de reunións con representantes das institucións provinciais para estudar a colaboración que permita impulsar o sector do termalismo.
O presidente de Vilas Termais mostrou a súa vontade de ampliar estas reunións a contactos en todo o territorio nacional para axudar a potenciar o turismo termal despois do Covid-19.
Campos manifestou a importancia de involucrar a todas as administracións xunto co sector privado para relanzar ao sector en numerosos municipios.
Durante a reunión falaron de rehabilitar balnearios de titularidade pública, reforzar o investimento en modernización e dixitalización, ademais de mellorar a formación profesional dos traballadores das termas, promover campañas publicitarias e resolver a situación actual na que o 90% do turismo termal mantense relacionado co termalismo social do Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso).