Condenado por ameazas e coaccións por atacar a catro membros de Vox en Sanxenxo
Por Natalia Puga
Catro delitos leves de ameazas e un delito leve de coaccións. É a condena que o Xulgado de Instrución número 4 de Cambados acaba de impoñer a un veciño de Vigo que o pasado 24 de abril atacou a catro membros de Vox Pontevedra que instalaran unha mesa informativa en Sanxenxo.
A sentenza impón ao condenado o pago de cinco multas de 270 euros (45 días a razón de seis euros diarios por cada delito), o que implica que deberá pagar 1.350 euros, segundo consta na sentenza á que tivo acceso PontevedraViva. Ademais, deberá indemnizar ao partido pola bandeira de España que esnaquizou.
Os feitos ocorreron o pasado 24 de abril sobre as 12.15 horas na rúa Augusto González Bicada de Sanxenxo, onde Vox Pontevedra tiña unha mesa con folletos informativos e unha bandeira de España. O agora condenado achegouse e atacou a propia mesa e logo aos seus integrantes.
Así, "sen mediar palabra", segundo recolle a sentenza, "levantou a mesa, envorcándoa", de tal forma que as follas informativas que había aciñeira caeron ao chan e molláronse, pois estaba a chover. A continuación, "arrincou a bandeira de España" que había no mesmo posto, "pisándoa e mollándoa". Tanto as follas como a bandeira "quedaron inservibles".
Segundo recolle a sentenza, o obxectivo deste xesto foi "restrinxir a liberdade" da muller que estaba nese momento na mesa. Ademais, xusto despois ameazou a un integrante da formación que presenciou os feitos e recriminoulle a súa actitude.
A este home que lle recriminou a súa actitude díxolle "no te tengo miedo, te voy a rajar" mentres que á muller que estaba na mesa ameazouna dicíndolle "ojalá te mate, ojalá maten a tus hijas, a ver quién te va a defender".
Máis adiante, sobre as 14.00 horas, tamén dirixiu os seus ataques a outros dous membros de Vox, chegando a agarrar do brazo a un deles. Algunhas das ameazas que proferiu foron "Ven a la plaza de al lado que te rajo", "¿Qué quieres, que te parta la cara?".
"Te voy a matar, os voy a matar hijos de puta", "os voy a matar hijos de puta", "fascistas de mierda" foron outras das ameazas e insultos que lles proferiu, polos que os catro integrantes da formación verde presentaron denuncia.
Vox Pontevedra valorou este venres a sentenza. O seu presidente, Álvaro Díaz Mella, móstrase satisfeito coa condena, aínda que se lamenta de que os feitos non fosen cualificados de delitos de odio xa que, tal e como demostra a sentenza, o acusado actuou contra as vítimas polo simple feito de pertencer a un partido político, atacando ao exercicio dos seus dereitos fundamentais.
Segundo indica a formación, o condenado xa tiña denuncias e detencións por situacións parecidas.
Para o presidente de Vox Pontevedra, "o condenado actuou contra as vítimas por pertencer a un partido político, atacando ao exercicio dos seus Dereitos Fundamentais". Con todo, asegura que "non haberá ameaza, insulto ou intento de coacción que pare aos membros de Vox".