Carmela Silva súmase á reclamación de modificar o coeficiente redutor das mariscadoras
Por Redacción
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva participou no I ForoMar organizado por UPTA, AGTAMAR e o concello de Cambados.
A presidenta provincial aproveitou a ocasión para enxalzar a importancia económica do sector do mar e centrou a súa conferencia na importancia da sustentabilidade, nos dereitos dos seus traballadores e, "por suposto", na igualdade.
"Pese a que as mulleres son a aplastante maioría de persoas que traballan en determinados ámbitos do mar, as desigualdades están á orde do día: soamente ocupamos o 23% dos postos en órganos directivos, somos só o 16% no comité executivo da Federación Galega de Confrarías e unicamente 6 mulleres son patroas maiores", dixo Carmela Silva.
Así, e amais de reclamar unha maior participación das mulleres nos postos de decisión, tamén reivindicou a xubilación anticipada para as redeiras e mariscadoras sumándose á reclamación de modificar o seu coeficiente redutor, puxo o aceno na problemática da economía mergullada, e reclamou a modificación do réxime especial de traballadores do mar para que se lles recoñezan doenzas como enfermidades profesionais.