A Xunta habilita 4 novos despachos para maxistrados da Audiencia Provincial
Por Oskar Viéitez
O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, comprobou este xoves as actuacións levadas a cabo pola Xunta nas dependencias da Audiencia Provincial de Pontevedra para habilitar 4 novos despachos para os maxistrados do órgano xudicial.
Nunha visita polas instalacións xunto co presidente da Audiencia Provincial, Javier Menéndez e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, o director xeral de Xustiza visitou os novos espazos remodelados, aos que se dotou de climatización, novas luminarias, mobiliario, así como tomas de forza, datos e voz en cada posto de traballo.
Esta actuación súmase aos traballos levados a cabo tamén este ano na Audiencia Provincial pontevedresa, con outros 287.000 euros destinados á mellora enerxética do edificio e a obras de climatización a través da substitución de fiestras de madeira, a colocación de lámpadas led e novas luminarias e outras reparacións nas contraventás, fiestras e falsos teitos.
Estas obras enmárcanse no Plan de mellora enerxética dos edificios xudiciais galegos, dotados con máis de 6 millóns de euros e cofinanciado con fondos Feder da Unión Europea.
Juan José Martín destacou que nos orzamentos do ano que vén se reservan 1,6 millóns de euros para pequenas reformas e de mellora coma esta que nos últimos anos se realizaron na práctica totalidade dos edificios xudiciais galegos.
A estas actuacións que se están executando para a mellora da climatización e eficiencia enerxética dos edificios xudiciais e no seu acondicionamento, súmanse outras encamiñadas á mellora da calidade do servizo como a posta en marcha de salas de vistas dixitais ou salas Gesell para garantir a protección de menores ou vítimas de violencia de xénero á hora de declarar nos procesos xudiciais.