Inauguran o obradoiro de emprego que restaurará a contorna da central hidroeléctrica de Segade en Caldas
Por Redacción
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego e Igualdade, está a impulsar actividades formativas, de mellora da empregabilidade e de impulso da inserción laboral para case 200 persoas en Caldas de Reis co novo obradoiro de emprego dual Os Camiños do Camiño II e once cursos de formación para desempregados.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, destacou este xoves o “forte compromiso do goberno galego coa xeración de emprego na contorna do Ulla-Umia” a través de todas estas iniciativas durante o acto de inauguración do obradoiro de emprego, no que estivo acompañado polo alcalde, Juan Manuel Rey, na contorna da Fervenza de Segade.
A iniciativa laboral Os Camiños do Camiño II, que toma a remuda da primeira edición clausurada hai algunhas semanas, vai formar unha vintena de persoas desempregadas de Caldas durante os vindeiros nove meses grazas a un investimento de 347.000 euros da Consellería de Emprego e Igualdade.
Os alumnos distribuiranse nos módulos de Actividades Auxiliares en Conservación e Mellora de Montes e Xardíns e Colocación de Pedra Natural e recibirán formación teórica nestas materias e tamén acometerán traballos prácticos que están orientados a continuar coa restauración de toda a contorna da antiga central hidroeléctrica de Segade coa recuperación paisaxística dos sendeiros, o acondicionamento dos bosques e a consolidación dos seus elementos patrimonais.
Ademais, e grazas ao formato dual do obradoiro, os participantes terán a posibilidade de realizar, ao seu remate, prácticas relacionadas con estes oficios en empresas da zona.
Luis López agradeceu aos participantes “a súa implicación e gañas de aprender un oficio mellorando os seus coñecementos e a súa experiencia para outorgarse máis oportunidades no mercado en dous sectores que cada vez teñen máis demanda”.
Ademais deste novo obradoiro, a Xunta está a financiar en Caldas de Reis, dende este outono, un total de once cursos de formación para desempregados con capacidade para ata 165 persoas e que, nalgúns casos, aínda teñen a fase de inscrición aberta. Estes cursos, que supoñen un investimento de 389.000 euros e que contan cunha carga lectiva global de 4.258 horas, están orientados a actividades auxiliares de almacén, decoración, atención sociosanitaria, montaxe, traballos forestais e actividades portuarias.
Pola súa banda, o rexedor sinalou que "con este proxecto conseguimos dous dos obxectivos máis queridos: facilitar formación e emprego á nosa veciñanza, e poñer nas súas mans a restauración dun dos lugares máis emblemáticos de Caldas, como é a contorna da fervenza de Segade".
Relacionadas:
-
O DOG xa recolle a fervenza de Segade e o encoro da Baxe dentro das Zonas Húmidas de Galicia
Por Redacción |
-
Fernando Salgado escribe o libro "A luz de Caldas" para divulgar a historia da central de Segade
Por Redacción |
-
A recuperación da contorna de Segade centrará as prácticas dun novo obradoiro de emprego
Por Redacción |
-
Caldas consegue unha nova entrega do obradoiro de emprego para o sector forestal e da cantería
Por Redacción |
-
Novos obradoiros de emprego na comarca do Salnés
Por Redacción |