Pontevedra advirte que contra a violencia machista "non vale ningún tipo de eufemismo"
O despregamento da pancarta que ilustra a campaña municipal contra a violencia vicaria supuxo o arranque dos actos programados polo Concello para conmemorar en Pontevedra o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
Unha gran lona colga xa do balcón da casa do concello da Praza de España co lema "Vouche dar onde máis doe", alusivo á violencia vicaria, e a ilustración creada por Tania Solla, imaxe central desta campaña municipal.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, sinalou que é "imprescindible" impulsar "campañas agresivas" porque a violencia machista "non cede" e debe ser un labor de toda a sociedade "visibilizar" unha lacra que "non é recibo" en pleno século XXI.
Con respecto á violencia vicaria, a que se exerce sobre as mulleres utilizando aos fillos, Fernández Lores lembrou que un maltratador "non pode ser un bo pai" e denunciou que os agresores "están a utilizar os nenos en defensa dos seus intereses".
Pola súa banda, a edil de Igualdade, Yoya Blanco, defendeu a "contundencia" desta campaña municipal polo 25 N para "concienciar" á sociedade dun termo, o da violencia vicaria, que se popularizou este ano debido a "casos dramáticos".
Contra a violencia machista, engadiu Blanco, "non vale ningún tipo de eufemismo" e criticou a quen "xoga" con forzas políticas que a negan.
Ao despregamento desta pancarta asistiron, entre outras autoridades, o tenente de alcalde, Tino Fernández (PSdeG-PSOE), a edil Eva Vilaverde (BNG), os concelleiros do PP Rafa Domínguez e Silvia Junco ou a directora do CIM, Rosa Campos.
Relacionadas:
-
Pontevedra desafía aos que lexitiman "argumentos negacionistas" contra as violencias machistas
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Un 25N contra os "verdugos vestidos con toga e con mazo"
Por Redacción |
-
Peregrinaxe para "rachar coa indiferenza" cara á violencia de xénero
Por Redacción |
-
Os comercios das rúas Castelao e Cruz Gallástegui exhiben as fotografías do programa 'Namórate de Ti'
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A violencia vicaria centrará o programa do 25N en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Fotografías e vídeos para que os adolescentes reflexionen sobre a violencia vicaria
Por Natalia Puga |