A Xunta trasladará ao Goberno de España un plan de reforzo dos servizos de tren de proximidade
Por Oskar Viéitez
A Xunta trasladará ao Goberno de España un plan para reforzar os servizos de tren de proximidade para mellorar a mobilidade dos cidadáns e para revitalizar o interior de Galicia e o seu rural, actuando nos servizos e nas infraestruturas ferroviarias para adaptar a oferta ás novas necesidades da poboación, modernizando as instalacións e impulsando a intermodalidade.
Así o acordou este martes a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, nunha reunión celebrada en Pontevedra cos alcaldes de Crecente, Salvaterra de Miño e Arbo, ademais de representantes doutros municipios próximos, e representantes do sector ferroviario de CCOO-Galicia. Nesta xuntanza tamén participaron o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro.
Segundo a información que trasladou a Consellería ao remate do encontro, os participantes na xuntanza coincidiron en manifestar a súa "preocupación" pola situación dos servizos e as infraestruturas ferroviarias en Galicia, especialmente na contorna da fronteira do Miño, onde o tren presenta "importantes carencias".
Ethel Vázquez avogou por aproveitar a oportunidade dos fondos europeos previstos para o Corredor Atlántico, a través do Mecanismo Conectar Europa, para impulsar a modernización da liña ferroviaria do Miño e amosouse disposta a estudar un mellor acomodo entre os horarios entre o autobús e o tren, a través de comunicacións e negociacións previas para poder adaptalos entre si.
A conselleira lembrou que segue sen coñecerse o Plan director do Corredor Atlántico que o Goberno de España se comprometeu a elaborar hai anos.
Ademais, os participantes nesta xuntanza coincidiron en sinalar que os servizos de proximidade son positivos para sacar o máximo proveito da chegada do AVE a Galicia e para revitalizar o sur e o interior da provincia de Pontevedra.