Pontevedra priorizará a construción dunha vía verde ata Barro cos fondos Next Generation para o turismo
Por Manu Otero
O Concello de Pontevedra é a única cidade galega incluída na preselección da Xunta para recibir fondos europeos destinados a potenciar destinos turísticos sostibles. O proxecto desenvolvido polas concellerías de Desenvolvemento Sostible e Turismo logrou unha das puntuacións máis altas e agora están á espera de que os gobernos central e autonómico marquen o importe exacto da subvención, que no goberno local estiman que roldará os dous millóns de euros.
A esta convocatoria, Pontevedra presentou un plan transversal no que expoñen numerosas intervencións enmarcadas na mellora de espazos naturais, o fomento do turismo e o apoio ao sector hostaleiro. Entre elas figuran a construción dunha vía verde desde a Estación de Ferrocarril ata Barro, que conectará coa senda que une Portas e Vilagarcía e que recolle tamén a previsión de estendela no futuro ata Arcade.
Na axenda do departamento que dirixe Iván Puentes figura tamén a posta en valor para o turismo a presenza próxima ao centro urbano de espazos naturais como o paseo do Gafos, a Xunqueira de Alba ou a ría, Tamén contemplan a renaturalización do río Lérez, a construción de novas sendas peonís que leven ata os parques forestais, o estudo para recuperar para a cidade os xardíns de Santa Clara ou a restauración ambiental do curso do río Gafos. Neste caso, recoñeceu Puentes que este proxecto poderá acometerse con fondos procedentes doutras axudas, polo que darán prioridade ao financiamento doutras obras con esta subvención.
No caso da área de Turismo, Yoya Blanco explicou que os seus plans pasan por promover a mellora da eficiencia enerxética en todos os ámbitos do sector, pero poñerán o foco na instalación de toldos que absorban dióxido de carbono ou sistemas de calefacción para terrazas da hostalería máis respectuosos co medio ambiente. A mellora de espazos privados para uso turístico no centro histórico, a creación dun observatorio turístico e un ente xestor do destino turístico, a redacción dun manual investidor para novos produtos turísticos, accións formativas para profesionais do sector, organización de feiras e actos relacionados co turismo ou dar un impulso aínda maior ao proxecto de Capital Gastro, que pretende facer de Pontevedra unha referencia gastronómica; son as principais liñas a mellorar polo departamento que dirixe Blanco.
Son conscientes nas filas socialistas que os dous millóns de euros que recibirán non serán suficientes para executar todo o programa. Por iso, esperarán a coñecer a cantidade exacta para establecer daquela as prioridades, aínda que Puentes xa deixou clara a súa aposta pola vía verde ata Barro. Un camiño que partirá desde a Estación, para seguir pola contorna dos Xulgados, a Pasarela, Ernesto Caballero, Valdecorvos e os terreos de Tafisa para continuar logo pola vella ponte do tren sobre o Lérez e o antigo túnel, para dirixirse despois cara a Barro polo trazado do Camiño de Santiago.
Con respecto ao proxecto do Gafos, que se tramitará por outra vía, explicou Iván Puentes que esperan asinar o convenio antes de final de ano.
"Pontevedra ten que ser máis coñecida e máis referente como modelo de cidade amable", dixo o portavoz do grupo municipal do PSOE, Tino Fernández, querendo poñer en valor o traballo "denso e de meses" que levaron a cabo os seus compañeiros da área de Turismo e Desenvolvemento Sostible. Un traballo que contou tamén coa colaboración de colectivos de comerciantes, empresarios e hostaleiros para achegar ideas e mellorar a competitividade da capital.
Relacionadas:
-
O BNG presionará ao futuro Goberno para que "saque do caixón" a Vía Verde entre Arcade e Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
A vella ponte do ferrocarril sobre o Lérez reabrirá este ano convertida en senda peonil e ciclista
Por Alejandro Espiño |
-
Concelleiros de Vilafranca del Penedés visitan a Boa Vila na procura de ideas
Por Mónica Patxot |
-
Tres millóns para converter Pontevedra en destino turístico sostible e referente gastronómico
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Pontevedra recibe un millón de euros de Europa para rexenerar as ribeiras do Lérez
Por Manu Otero |
-
Pontevedra seguirá limitando o tráfico para crear zonas de baixas emisións
Por Alejandro Espiño |
-
RADIO.- Turismo gastronómico e sustentabilidade serán as dúas propostas que Pontevedra promocione en FITUR o próximo xaneiro
Por Redacción |
-
Barro mantén conxeladas as taxas e impostos e aumenta o gasto social
Por Redacción |
-
Unhas piscinas naturais de auga salgada, próximo paso para unir Marín co mar
Por Alejandro Espiño |