A Deputación financiará a reforma da contorna de Portosanto, Saíñas e A Puntada
Por Redacción
O Concello de Poio vén de recibir 753.600 euros da Deputación de Pontevedra, a través do programa ReacPon (Reacciona Pontevedra), que serán investidos nun proxecto de mellora de mobilidade sostible na contorna de Portosanto, Saíñas e A Puntada, que son algúns dos núcleos principais da parroquia de San Salvador.
A achega realizada pola administración provincial servirá para custear o 80% do orzamento dunha actuación que está valorada en 942.000 euros. O 20% restante financiarase a través de fondos do Plan Concellos.
O concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo, Gregorio Agís, visitou este martes algunhas das zonas que se verán beneficiadas grazas a estas obras, acompañado pola tenente de alcalde e delegada de Obras e Servizos Municipais, a tamén socialista Chelo Besada.
As obras irán encamiñadas á humanización e recuperación de diferentes espazos, nunha zona que "é de vital de importancia, xa que congrega varios servizos, equipamentos e puntos de interese, como son a Casa Museo de Colón, un área recreativa ou a escola infantil de Saíñas", lembrou Agís.
Unha vez se leve a cabo todo o proceso previo de licitación, os traballos terán un prazo de execución de catro meses. "As rúas pasarán a contar cunha maior seguridade para peóns e a veciñanza. Pasarase a limitar a velocidade a 30 quilómetros por hora e a dotar e renovar os servizos básicos nun tramo bastante extenso", indicou Gregorio Agís.
A solicitude de fondos de ReacPon foi aprobada pola Comisión de Urbanismo a finais do pasado mes de xullo cos votos en contra do Partido Popular. Segundo Agís, "é curioso como o grupo da oposición esixe constantemente actuacións, ao mesmo tempo que non dubida en poñer paus cando comproban que a xestión que se está a realizar é a correcta".