O pleno provincial actualiza as taxas do Centro Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O Pleno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres unha actualización da taxa polos servizos que se prestan no Centro Príncipe Felipe cos votos a favor do Partido Popular, a abstención do grupo provincial do BNG e o PSOE votou en contra.
O voceiro dos deputados do Partido Popular, José Manuel Figueroa, xustificou a modificación da ordenanza reguladora da taxa como unha actualización "non é unha cuestión económica, é unha cuestión menor. Estaremos falando duns 25.000 euros", afirmou aludindo que hai xa moitos anos que estes prezos públicos están conxelados.
Pola contra, o voceiro nacionalista César Mosquera, insistiu na permanente reivindicación do BNG para que a Cidade Infantil sexa transferida á Xunta de Galicia como "administración competente en Educación e Benestar" para que asuma as funcións que alí se desenvolven. Entre outras razóns Mosquera apuntou ao presuposto anual de 11 millóns de euros "unha cifra disparatada para os Orzamentos desta Deputación".
Ademais, Mosquera suxeriu que se faga unha suba gradual durante os próximos anos, "xa que levan cinco anos conxeladas" e pediu que se corrixan algúns conceptos que considera "demasiado caros", mostrando a disposición do seu grupo a alcanzar un acordo se se resolve este aspecto.
O presidente provincial, Rafael Louzán, dirixiuse a Mosquera para dicirlle que "é unha liña de colaboración que lle agradezo. En tempos difíciles hai que ter altura de miras", ao que respondeu o deputado nacionalista "pois explíquello aos seus compañeiros nos concellos que hai algún que isto non o entende".
Pola súa banda, o socialista José María Cacabelos, esixiu coherencia aos populares por "manter discursos distintos segundo estean a gobernar ou na oposición" e sinalou que con nesta actualización na Cidade Infantil os prezos subirán un 11,3% "ao que haberá que sumar a suba do IBI, do IRPF, ou o céntimo sanitario. Non é só esta taxa é o acumulativo de todo o que está a subir o PP".
"O incremento real é 'cero' dende o punto de vista económico", respondeu Louzán, invitando aos socialistas a que redacten nunha proposta "onde están dispostos a recortar no Príncipe Felipe", aconsellándolles que fagan antes unha visita a todas as instalacións e que coñezan o traballo que alí se fai.
"Probablemente nos extralimitemos, pero temos que cubrir o que os demáis non fan" dixo Louzán, "no Príncipe Felipe estamos cubrindo ás carencias de Pontevedra en instalacións deportivas", sinalou "mentras outros adícanse a facer campionatos a nivel mundial, o que está moi ben, pero primeiro hai que resolver o da casa", apostillou.