Comeza a distribución dos composteiros individuais en Ponte Caldelas
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas comezou este luns a entrega dos composteiros individuais para que as familias do municipio poidan crear o seu propio fertilizante.
As persoas que se inscribiron no programa están a asistir a unha sesión formativa dunha media hora de duración na que se lle entrega un manual de compostaxe e un imán para a neveira.
O obxectivo do programa ‘Ponte Caldelas Composta’ é a instalación de 110 composteiros individuais en vivendas que dispoñan dunha parcela mínima de 25 metros cadrados. Os participantes deben de estar especialmente concienciados coa importancia do proxecto.
‘Ponte Caldelas Composta’ busca lograr unha efectiva planificación da xestión de fracción orgánica municipal a través da complementariedade de diferentes modelos de xestión que permitan atender as peculiaridades do municipio.
Preténdese, nunha primeira fase, reducir a cantidade de fracción orgánica xerada e finalmente lograr unha correcta valorización da mesma, cuestión que vai unida á concienciación sobre o reciclado.
O proxecto lévase a cabo a través dunha subvención do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para promover actuacións que permitan reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro e avanzar na consecución dos obxectivos da Directiva 2008/98/CE de Residuos.