A Garda Civil confisca 885 quilos de ameixa clandestina portuguesa con destino a Cambados
Por Redacción
A Garda Civil confiscou 885 quilos de ameixa xapónica que circulaban clandestinamente sen a correspondente guía sanitaria de orixe.
Segundo informan fontes oficiais do instituto armado, a aprehensión produciuse a pasada fin de semana no transcurso dun control de seguridade viaria do Destacamento de Tráfico da Garda Civil do Porriño, á altura do quilómetro 158, da estrada N-550, no termo municipal de Mos.
No transcurso deste operativo interceptouse unha furgoneta con placas de matrícula portuguesa que transportaba marisco procedente de Portugal e con destino a Cambados.
Os axentes de Tráfico, co apoio de efectivos da patrulla do Seprona de Vilagarcía de Arousa, inspeccionaron o vehículo e a súa carga comprobando que levaba 4.385 quilos de ameixa de distintos tipos; deles 885 quilos de ameixa xapónica circulaban indocumentados, por carecer da preceptiva guía sanitaria de orixe.
A inspección concluíu coa inmobilización do vehículo e da súa mercadoría. O condutor foi denunciado por varias infraccións administrativas porque, ademais de transportar unha partida de marisco indocumentado, tamén se comprobou que a furgoneta non reunía as condicións de temperatura requirida para o transporte deste tipo de mercadoría e, ademais, circulaba con exceso de peso, xa que a masa máxima autorizada era de 3.200 quilos.
Con este tipo de actuacións, que veñen desenvolvendo conxuntamente por todas as unidades da Comandancia, a Garda Civil fiscaliza o cumprimento da normativa para verificar a trazabilidade do marisco e así poder evitar a comercialización da mercadoría que puidese resultar nociva para o consumo humano.