A nova pista polideportiva da Praza de Europa estará lista a principios de 2022
Por Redacción
Disciplinas como o fútbol, o baloncesto ou o balonmán poderán practicarse na nova pista polideportiva que o Concello vai a habilitar na Praza de Europa de Monte Porreiro.
O proxecto, que conta cun orzamento de máis de 60.000 euros, sairá a licitación de xeito inminente e conta cun prazo de execución de dous meses.
A pista terá un peche perimetral e está pensada para xogos de pelota en xeral. Combinará dúas porterías e dúas canastras, esquinas cadradas, entradas polos dous laterais, paneis laterais baixos e frontais de dobre altura ou estruturas cubertas de capa anti graffitis.
A súa superficie terá unha lixeira pendente para evitar que se formen charcos e empregarase base de zahorras artificiais estendidas e compactadas, así como formigón armado.
Entre as melloras contempladas tamén se propón a instalación de dúas papeleiras e dun punto de recarga para dispositivos móbiles a carón da pista de xogos multideporte.
Os céspedes estarán formados por unha mestura de especies axeitada ás características específicas de cada zona, entre elas a sombra, o sol, o uso ou consumo de auga.
Terá ademais luminarias LED, que serán resistentes ás condicións dos espazos abertos e permitirán a utilización nocturna deste novo equipamento deportivo.
A construción desta pista completarase cos traballos de axardinamento no espazo da Praza de Europa que dá cara á rúa Bélxica, segundo o edil de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes.
Coa finalidade de garantir unha axeitada relación sol/sombra formúlase unha proposta de plantación de arborado no xardín, incorporando especies coherentes coas existentes.
Contémplase tamén a reposición de árbores nas aliñacións dos paseos de formigón que rodean o parque e distribúen as circulacións peonís cara as rúas e edificacións do contorno.
O mobiliario cumprirá coas necesarias especificacións de funcionalidade, confort para os usuarios e integración paisaxística no contorno, e instalarase un sistema de rega automatizado dotado de estacións reguladas por electroválvulas e un programador central.
Relacionadas:
-
Adxudican tres proxectos para mellorar a calidade de vida dos barrios de San Roque, A Parda e Monte Porreiro
Por Redacción |
-
O goberno local dará luz verde este luns á pista polideportiva do parque da Praza de Europa
Por Redacción |
-
Unha nova pista polideportiva e a apertura dos jardíns da UNED, 'guinda' á reforma da Praza de Europa
Por Redacción |
-
A reforma integral do parque da Praza de Europa continúa coa mellora do pavimento
Por Redacción |