Catro días de actividades "sostibles" para festexar en Bueu o San Martiño
Por Redacción
Audiovisuais, xogos tradicionais e inchables, magostos, obradoiros de debuxo e patrimonio, teatro e música constitúen as apostas de Bueu por unhas "sostibles" Festas de San Martiño.
Será a través dunha programación para toda a familia que se desenvolverá entre os días 11 e 14 de novembro. A maioría dos eventos terán lugar nunha carpa situada en As Lagoas.
"Despois dun ano complexo pola covid-19, queremos demostrar que a cultura segue sendo máis prioritaria e necesaria ca nunca", destacou o edil de Cultura, Xosé Leal, na presentación.
Os eventos arrancarán o xoves 11, coincidindo coa festividade do San Martiño, con xogos tradicionais a partir das 11 horas. Xa pola tarde, ás 17 horas programarase o espectáculo musical A casa do terror de Xoan Curiel e ás 20 horas unha verbena amenizada por Los Players.
O venres pola tarde, entre as 17 e as 19 horas, a carpa das Lagoas acollerá xogos tradicionais e inchables, mentres que o grupo local Distrito 7 serán os encargados de amenizar a noite.
As actividades do sábado arrancarán ás 10 da mañá coa ruta Debuxando a memoria da auga, na que o artista local Joshua Xanbreo convidará ás persoas participantes a inspirar as súas creacións e debuxos arredor das fontes e lavadoiros da parroquia de San Martiño.
Tamén pola mañá, entre as 12 e as 13.30 horas, haberá inchables e xogos na carpa. Pola tarde terá lugar un magosto popular, no que colaboran as ANPAS das tres parroquias de Bueu; e ás 21:00 horas a compañía teatral Teatro de Ningures representará a obra O Grocho no Centro Social do Mar. A festa na carpa rematará cun concerto de Rebelióm do Inframundo + DJ Pol.
O domingo será un día tamén de xogos e inchables e, pola tarde, ás 18 h estrearase o audiovisual O Ronsel de Manuel Aldao e Manolo Purro no Centro Social do Mar.
Como vén sendo habitual, durante todas as Festas do San Martiño tamén se pode ver unha mostra de fotos antigas no adro pequeno da igrexa parroquial, que promove a Asociación Cultural Santos Reis, e na que se lembran persoas e espazos do Bueu do pasado.