Igualdade leva a realidade trans aos institutos de Pontevedra da man de Nee Barros
Por Redacción
A actividade 'TransFormando o Mundo' chegará este luns aos centros de ensino secundario, bacharelato e formación profesional de Pontevedra. A través do programa municipal Pinto e Maragota, Igualdade porá en marcha unha serie de charlas/presentacións do libro 'Identidade', protagonizadas por Nee Barros.
Trátase dunha iniciativa que xa se desenvolveu no mes de xuño en diversos centros pontevedreses e que tiveron unha alta demanda por parte do alumnado e do profesorado, segundo sinalou a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco.
"Tivemos unha receptividade moi positiva por parte de tódolos centros públicos de ESO e Bacharelato, o que nos levou a organizar outras 30 sesións enfocadas na diversidade afectivo-sexual e a súa visibilización nos institutos da cidade ao longo do mes de novembro", explica a edil.
As charlas consistirán na presentación da obra 'Identidade', que trata a temática da diversidade, liberdade e da realidade trans, na posterior visualización dun vídeo e nunha conversa final co alumnado a través de preguntas sinxelas en relación co clip.
Na segunda parte será o alumnado o que fará as preguntas, escribindo algo breve nun papel e de forma anónima.
As primeiras charlas serán co alumnado de 4º da ESO do IES Torrente Ballester os días 8 e 9 de novembro. No caso do IES Sánchez Cantón, será o martes 16, tamén para as clases de 4º da ESO. Ao día seguinte será o turno dos grupos de 1º e 2º de Integración social do CIFP Xunqueira.
Pola súa banda, o martes 23 chegará aocClub de lectura Igualdade da Xunqueira I e a aula de 4º da ESO do IES Sánchez Cantón. As charlas pecharanse o martes 30 no IES Luís Seoane co Grupo Neofem+1º de Bacharelato e co alumnado de 2º da ESO.
Aínda queda por concretar hora e día das actividades no IES Frei Martín Sarmiento, A Xunqueira II e o IES Valle Inclán.
Finalmente, Blanco explicou que "a obra poderá ser tratada na aula, ou representada polo grupo de teatro do instituto, sempre que a entrada ao espectáculo sexa gratuíta". No caso de ser representada, a editorial Xerais deberá ser avisada e así poder darlle visibilidade.
Relacionadas:
-
O II Premio Literario Pinto e Maragota pola Diversidade de Sexo e Xénero, para Carme P.G. Granxeiro
Por Redacción |
-
O alumnado do Sánchez Cantón celebra a súa versión do concurso "Tu cara me suena"
Por Oskar Viéitez |
-
O dúo poético-musical Aldaolado actuará no vindeiro Vermú de Pinto e Maragota
Por Redacción |
-
A violencia vicaria centrará o programa do 25N en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
O alumnado do Carlos Oroza analiza o que pasa cando se nace nun molde "equivocado"
Por Redacción |
-
A memoria e a realidade LGTBIQ+ chega a catro institutos da cidade con 'Identidade' e Nee Barros
Por Redacción |