O PSOE fixa para xaneiro o seu congreso en Pontevedra e apela á unidade
Por Redacción
Os socialistas de Pontevedra celebrarán o próximo mes de xaneiro, previsiblemente os días 15 e 16, o seu congreso provincial, conclave no que renovarán os seus órganos de goberno.
Así o anunciou o seu secretario xeral, David Regades, tras a reunión da comisión executiva provincial do PSdeG-PSOE, órgano que aprobou a convocatoria deste proceso de renovación, tras os congresos celebrados a nivel federal e galego.
Regades non confirmou "por respecto á militancia" se se presentará á reelección para un cargo que ostenta desde 2017, ao entender que "agora é o momento de convocar o congreso e xa chegará o tempo das candidaturas á secretaría xeral".
No seu balance, o líder dos socialistas pontevedreses destacou que, no últimos catro anos, o partido pasou de 16 a 23 alcaldías na provincia e tamén aumentaron o número de representantes no Senado e no Congreso, entre outras institucións.
O crecemento do PSOE en Pontevedra, segundo David Regades, "está por encima" do que se rexistra no resto de Galicia, situándose "entre as primeiras provincias de España" no que denominou como "forza do socialismo".
Este éxito, subliñou Regades, produciuse "pola unión da militancia" en toda a provincia de Pontevedra.
O secretario xeral do PSOE en Pontevedra destacou que, se se celebrasen agora as municipais de 2023, os socialistas alcanzarían a maioría absoluta na Deputación de Pontevedra e conseguirían aumentar o número de concellos nos que gobernan.