Trinta e sete fitos completan a sinalización do transporte urbano de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Un mes despois da súa posta en marcha, o transporte urbano de Pontevedra completou a sinalización de todas as súas paradas. Toda a rede, 37 fitos verticais e 18 marquesiñas, integran un sistema que ofrece aos usuarios información sobre este servizo.
As marquesiñas -salvo a da Praza de Galicia que será obxecto dunha actuación especial como "punto central" de todo o transporte público pontevedrés- teñen o nome da parada correspondente e un mapa cos percorridos íntegros das dúas liñas circulares.
Os fitos, pola súa banda, presentan unha información "máis esquemática", segundo explicou o edil de Mobilidade, Demetrio Gómez.
Ambos os dous recursos, engadiu o concelleiro da área, "condensan a información necesaria para entender o sistema", ao recoller datos sobre as frecuencias, os prezos ou os roteiros.
Nesta sinalización, o goberno municipal investiu uns 42.000 euros.
A falta dos datos de afluencia e funcionamento neste primeiro mes do transporte urbano, Demetrio Gómez defendeu que "haberá que deixar pasar un tempo" para que este servizo "vaia funcionando" tanto en número de usuarios como en deficiencias detectadas.
"Sempre hai que mellorar ou axustar algunha cousa", mantivo Gómez, de forma que o sistema "se adapte á realidade da cidade".
Relacionadas:
-
A Praza de Galicia amosa xa toda a información do sistema de bus urbano de Pontevedra
Por Redacción |
-
Demetrio Gómez asegura que "as novas liñas de autobús están a funcionar ben"
Por Oskar Viéitez |
-
O PP propón cambios no "mal diseño" das liñas de autobús urbano en Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O bus urbano inicia unha nova andaina con incorporación de paradas e percorridos perimetrais
Por Anxo Lourido |
-
O transporte público de Pontevedra terá unha nova parada diante da estación de autobuses
Por Redacción |
-
As dúas liñas de transporte urbano circularán a diario entre as 07:15 e as 22:30 horas
Por Alejandro Espiño |