Pontevedra acollerá este sábado o primeiro bautizo civil
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra celebrará este sábado o seu primeiro bautizo civil. Oficiarao o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que se estreará nestas lides cun "Hat trick" oficiando dunha tacada unha cerimonia de acollida a tres menores aos que se lles outorgará a carta de cidadanía.
Este acto aconfesional de acollida cidadá ocupa un lugar antes reservado ao bautizo relixioso. Aínda que está moi pouco arraigado en Galicia en concellos como Poio xa son expertos neste tipo de protocolos aos que suman outras variantes como o compromiso cidadán e o enterro ao estilo civil.
Este acto laico foi denominado coma "a cerimonia de bebés"
No caso da cidade do Lérez, a este bautismo civil, concesión da carta de cidadanía ou presentación do menor á sociedade, foi denominado como "a cerimonia de bebés".
Explica o alcalde no Bando publicado con tal ocasión que "moitas persoas desexan celebrar un acto de testemuña pública do nacemento dun novo membro das súas familias, a través dunha cerimonia de benchegada á cidadanía, polo que ordenei planificar todos os detalles que nos permitan acometer este tipo de eventos coa dignidade e a formalidade necesarias para que resulte un acontecemento memorable".
As cerimonias serán colectivas, mensuais, programadas e organizadas segundo un protocolo elaborado expresamente con esta finalidade. Terán lugar no Pazo de Mugartegui un día sábado pola mañá, se ben estes aspectos son flexibles e irán regulándose a medida que se vaian celebrando eventos e que se poidan axustar todos os extremos para perfeccionalos, adaptalos no posíble á demanda dos interesados e lograr a máxima dignidade e comodidade dos participantes.