O exorcista de O Corpiño falará do mal en Pontevedra
Por Oskar Viéitez
"O Mal: Terror sobrenatural, violencia e pobreza" é o tema escollido pola Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) para unhas xornadas que se desenvolverán do 5 ao 7 de noviembre no espazo Nemonon de Pontevedra.
Tras o obrigado parón pola pandemia, volven estas xornadas de antropoloxía en formato presencial que, nesta ocasión, reflexionarán e debatirán sobre o mal estudado dende diferentes visións.
Segundo informaron en rolda de prensa o presidente da SAGA, Rafael Quintía e o concelleiro de Patrimonio, Xaquín Moreda, o venres día 5 ás 18.15 horas, haberá unha conferencia do sacerdote e exorcista, José Criado. Este cura do santuario do Corpiño abordará "O mal dende o Cristianismo".
Ás 19.15 horas intervirá o antropólogo José Luis Cardero falando de "O Numinoso, o Sagrado e o Relixioso. Unha mirada cara ás Divinidades ancestrais do Terror". Ás 20 horas está prevista unha mesa redonda con poñentes.
A sesión do sábado 6 comezará pola mañá, ás 11 horas intervirá a xornalista Montse Fajardo sobre "A represión sobre as mulleres como forma de terror", é as 12 horas, Rocío Ovalle, profesora da Universidade de Santiago de Compostela e coordinadora da delegación de Cruz Vermella en Santiago falará sobre "Proxeccións que transforman. O ben institucional, o ben colectivo e o ben individual, entre o idealismo e a coherencia". Ás 13 horas está prevista unha mesa redonda con poñentes.
Este mesmo sábado 6 pola tarde, ás 18 horas, está anunciada a conferencia do criminólogo Manuel Carballal co título "No nome de Satán: o mal como xustificación do crime". Ás 19 horas intervirá o antropólogo Félix Castro falando sobre "Manuel Blanco Romasanta, o mal de múltiples caras". De novo, ás 20 horas, haberá mesa redonda con poñentes.
Para o domingo 7 está previsto, ás 10.30 horas, un roteiro polo Parque Etnoarqueolóxico do Outeiro das Mouras guiado polo antropólogo Rafael Quintía. O punto de encontro será o Centro social de Salcedo a Casa Verde.