Deporte e cervexa, chegan a Pontevedra os 'Beer Runners'
Por Redacción
O movemento 'Beer Runner' remóntase ao ano 2007, na cidade estadounidense de Philadelphia, cando un grupo de amigos decidiu xuntarse cada semana para saír a correr en grupo e rematar nun bar próximo brindando cunha cervexa.
Este grupo de amigos baseouse nun estudo do profesor Manuel Castillo sobre os beneficios do consumo moderado de cervexa na recuperación do deportista.
Ese estudo chegou este xoves a Pontevedra cunhas xornadas na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte que finalizou coa primeira edición da carreira 'Beer Runner' na cidade de Lérez, seguindo os pasos doutras cidades como Coruña, Barcelona, Madrid, Zaragoza, León, Sevilla, Valencia ou Las Palmas.
O profesor Castillo e a regatista Támara Echegoyen, invitada ás xornadas para contar a súa propia experiencia, participaron na carreira cos xunto ao resto de inscritos, finalizando cunha cervexa e tapa de rigor para cumprir cos requisitos da proba.
Nas actividades, organizadas polo Centro de Información Cerveza y Salud e a Universidade de Vigo, resaltouse que os beneficios do consumo de cervexa tras realizar unha práctica deportiva se dan sempre que este sexa moderado.