A Fiscalía pide penas de prisión para un vilanovés e un asturiano acusados de traficar con cánnabis e heroína
Por Oskar Viéitez
A Sección cuarta da Audiencia provincial de Pontevedra sinalou para o vindeiro xoves día 4 de novembro un xuízo por un delito contra a saúde pública.
Xúlgase a dous sospeitosos de traficar con drogas. A Fiscalía reclama seis anos de cárcere para un dos acusados, un veciño de Vilanova de Arousa e, para o outro, asturiano, cinco anos e medio. O caso procede do Xulgado de Instrución número 3 de Villagarcía.
Segundo relata o escrito de acusación da Fiscalía, a investigación policial desenvolveuse entre os meses de xuño de 2018 e febreiro de 2019, a cargo da Unidade de Droga e Crime Organizado (Udyco) da Policía Nacional e o E.C.O. que é o acrónimo utilizado pola Garda Civil, para referirse aos equipos de Investigación Contra o Crime Organizado.
A Fiscalía sostén que o vilanovés se estaba dedicando á "provisión e comercialización de estupefacientes, tanto cánnabis como heroína, distribuíndo lucrativamente partidas destas substancias valéndose de vehículos especialmente adaptados".
En decembro de 2018 os agora acusados convirían un encontro para a entrega dunha partida de droga, nun centro comercial de Ribadeo, a medio camiño para ambos. A mesma operación repetiuse en febreiro de 2019. Tras leste outro encontro, ambos foron interceptados polas forzas de seguridade, nas súas respectivas viaxes de regreso. Os axentes interviñeron entón en poder do asturiano 144,5 gramos de heroína e ao vilanovés, unha destacada cantidade de diñeiro en metálico. No posterior rexistro domiciliario apareceu máis droga.