A gala deste domingo mobilizará a solidariedade galega con La Palma
Por Redacción
O Concello de Campo Lameiro está a mobilizar a solidariedade galega coa afectados do volcán de Cumbre Vieja ante a celebración, o vindeiro domingo 31 de outubro, da Gala benéfica "Campo Lameiro Solidario Axuda a La Palma" para recadar fondos para os damnificados.
O público asistente terá que abonar 10 euros de entrada para contemplar todo o espectáculo.
A alcaldesa de Los Llanos de Aridane, María Noelia García Leal , e veciños de varios lugares de La Palma, animados polo párroco de Todoque, Alberto Hernández, están gravando e enviando pequenos vídeos para esta iniciativa solidaria que reunirá a dez agrupacións musicais, tres cantantes, dous humoristas, dúas charangas, unha coral e unha banda de música.
A xornada benéfica comezará as 12:30 horas nas inmediacións da Casa Consistorial cunha misa cantada pola Coral Polifónica de Campo Lameiro e oficiada polo cura párroco Fermín Santiago para, a continuación, iniciarse o evento cunha sesión vermú a cargo da Banda de Música Unión Cultural.
No recinto instalarase unha pulpeira e un bar a cargo da organización para que aquelas persoas que queiran xantar no entorno e seguir por completo as evolucións do festival benéfico poidan comer a prezos populares e manter a presenza en todo momento do público.
Actuarán Astarot, A Roda, A Oca Band, Galifunk Brass, A Banda da Balbina, La Banda de Leste, La Mafia, Bétula Péndula, Charanga OT+Solfamidas, Os Encerellados, Manoele de Felisa, Pili Pampín, Lito da Panorama, Mikela Abbatini e os humoristas Isi e Pepo Suevos. A presentación correrá a cargo dos xornalistas da televisión Carmen Chao e Quique Morales.