A Xunta inviste 115.000 euros na substitución da carpintería exterior do CPI O Toural
Por Redacción
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, está a impulsar a mellora de eficiencia enerxética, principalmente a través dun cambio de carpintarías exteriores, no CPI O Toural de Vilaboa, cun investimento de 115.000 euros.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou esta mellora nunha visita realizada esta mañá ao colexio público na compaña do alcalde, César Poza, o xefe territorial de Educación, César Pérez, e responsables da unidade técnica.
“O pasado ano dende a Xunta acometemos unha importante renovación de parte da carpintaría exterior deste colexio e seguimos a investir de xeito constante na modernización dos centros educativos da provincia ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica. Por elo, imos completar de inmediato a reforma deste colexio de Vilaboa coa adopción de novas medidas tendentes a conseguir a plena eficiencia enerxética”, sinalou o representante autonómico.
Esta actuación xa ten o proxecto redactado e agora mesmo atópase en fase de licitación co obxectivo de adxudicar os traballos nas vindeiras semanas e que poidan comezar no arranque do vindeiro ano. Estas obras, que teñen un prazo de execución de dous meses, desenvolveranse durante o segundo trimestre cun cronograma fixado para que os traballos no interior do inmoble se fagan en períodos non lectivos ou fóra do horario escolar para non interromper as clases.
A primeira fase, realizada o pasado exercicio, consistíu no cambio das fiestras de aceiro por outras en PVC con vidro dobre na zona de educación infantil, a biblioteca e varias aulas. Agora resta por acometer a substitución de ventás e portas nos baños, o laboratorio, salas específicas, a zona de administración e as aulas restantes, así como corrixir ou reparar certos elementos deteriorados que xeran filtracións de auga.
Relacionadas:
-
O alumnado do colexio do Toural reflexiona sobre a violencia machista
Por Redacción |
-
'Que nos devolvan os profes', berro no CPI O Toural de cara ás protestas contra os recortes educativos
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Vilaboa pide a Educación que asuma os custes da limpeza e do mantemento do CPI do Toural
Por Redacción |