Denunciado un veciño de Poio por matar un gato cunha escopeta de aire comprimido
Por Redacción
O martes 19 de outubro, a Policía Local de Poio recollía unha denuncia dun veciño do municipio por un delito de mal trato animais. O denunciante afirmaba que unha persoa matara ao seu gato dun disparo. O animal presentaba unha ferida de bala no abdome.
Non era a primeira denuncia deste tipo que se producía na zona, xa que en 2020 os axentes recibiron outra denuncia similar pola aparición doutro gato morto polas mesmas causas.
A partir deste último suceso, a Policía Local iniciaba unha serie de xestións para comprobar a existencia dalgunha arma na zona próxima á vivenda do propietario do gato morto.
Estas xestións permitiron localizar a un veciño de Poio que posúe unha escopeta de aire comprimido. Trátase dunha arma cun calibre de 6'35, o maior permitido para este tipo de escopetas. Manexar este artefacto obriga a contar cunha tarxeta de cuarta categoría expedida polo Concello de Poio. O portador da escopeta carecía desta tarxeta.
A través da colaboración dun veterinario que realizou a radiografía do gato morto, os axentes comprobaron que o balote que causou o seu falecemento atopábase no interior do corpo e verificaron que a munición era do mesmo calibre que a da escopeta do veciño identificado previamente.
O presunto autor entregou a escopeta aos axentes e recoñeceu a súa autoría, cando tivo coñecemento das investigacións. A Policía Local de Poio abriu as dilixencias contra este veciño como presunto autor dun delito de mal trato animal, co agravante de utilizar un arma de fogo.
Relacionadas:
-
Unha veciña de Agudelo denuncia que dispararon o seu gato
Por Alba Feijoo Alonso |
-
Buscan a persoa que abandonou un gato dentro dunha bolsa de plástico nun contedor
Por Redacción |
-
A Policía Local de Poio investiga dous presuntos casos de maltrato animal no municipio
Por Diego Espiño |
-
Meten cinco gatos recén nacidos nun saco para abandonalos ante uns colectores de lixo en Campelo
Por Redacción |