Quince rúas do municipio serán pavimentadas antes do 5 de novembro
Por Redacción
Durante estas semanas, a concellería de Sostemento de Espazos públicos, xestionada por Eva Vilaverde, iniciaba os traballos de reposición do firme e a pavimentación de varias rúas do municipio.
Con esta intervención, o goberno local quere reparar danos no asfalto en diferentes puntos da cidade. Esta actuación inclúese no contrato de sostemento dos espazos públicos urbanos a cargo da empresa Covsa, cunha contía de 450.000 euros para este ano.
A execución destas pavimentacións será parcial, dun só carril, ou total segundo o estado no que se atope a vía, segundo informan desde o goberno local. Na semana pasada cubríronse fochancas da rúa San Amaro, coa idea de que estea en perfectas condicións con motivo das visitas ao cemiterio durante estas xornadas próximas ao 1 de novembro.
Ao longo desta semana repúxose o firme en Poza da Barcia, unha vía de servizo para vivendas do barrio do Marco. Ademais pavimentouse un carril de Rafael Areses. Tamén este mércores, Covsa executa a reposición do firme en Juan Bautista Andrade, desde o cruzamento da rúa Luís Otero ata a altura de Cordón. Está previsto que se instalen redutores de velocidade en Cordón e tres elevacións en Francisco Asorey.
O venres 29 de outubro realizarase a pavimentación de Valdecorvos, na zona da Capela de San Amaro. Unha vez que pase a xornada festiva continuarán as actuacións na rúa Antón Vilar Ponche.
O 3 de novembro instalarase outro redutor de velocidade e elevarase o pavimento no cruzamento da rúa Palamios. Está previsto crear un paso sobreelevado á altura do ximnasio. Tamén se construirá outro paso de peóns elevado no acceso a Rosalía de Castro. Os traballos compleméntanse con sinalización horizontal que indica a dobre dirección na contorna situada detrás do instituto Sánchez Cantón establecendo as prioridades de tráfico para facilitar o acceso dos vehículos aos garaxes situados nesta rúa.
Durante o xoves 4 e o venres 5 de novembro repoñerase o firme en varios carrís das rúas Portugal, Italia, Alemaña, Reino Unido, Armórica e Bélxica no barrio de Monte Porreiro.
Relacionadas:
-
Seis rúas de Monte Porreiro serán pavimentadas a partir do luns
Por Redacción |
-
A renovación dos parques infantís dos colexios A Xunqueira I e Marcón ascende a case 70.000 euros
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Reordenan o tráfico en Ribeira dos Peiraos, Palamios e San Roque de Abaixo
Por Alejandro Espiño |