Envorca un camión de recollida de lixo en Ribadumia e obriga a pechar un carril da Autovía do Salnés
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Un camión saíada vía na tarde deste luns cando circulaba pola Autovía do Salnés ao seu paso polo Concello de Ribadumia. O vehículo envorcou na calzada e obrigou a cortar un carril.
Un particular alertaba, pasadas as 16.30 horas, ao servizo do 112 Galicia informando da presenza dun camión articulado de recollida de lixo envorcado no punto quilométrico 9 da estrada AG-41, nos carrís en dirección a Pontevedra. A persoa que informaba sinalaba que o condutor do vehículo atopábase fóra da cabina.
Desde o 112 Galicia, segundo informan, avisaron aos servizos sanitarios, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e aos Bombeiros e integrantes de Protección Civil de Ribadumia. Tamén se desprazaban ata o punto efectivos de Protección Civil de Cambados.
Os medios de intervención desprazados comunicáronlle ao 112 que o condutor foi atendido das feridas por persoal sanitario na mesma zona onde se produciu o accidente. Un dos carrís foi cortado debido a que parte da carga que transportaba o camión desprazouse invadindo a calzada. Operarios do servizo de limpeza encargáronse de retirar os residuos, despois de que o 112 Galicia informase do sinistro ao persoal de mantemento da vía e ao Centro de Xestión de Tráfico. Os axentes da Garda Civil regularon a circulación do tráfico para asegurar a mobilidade viaria ata que se puido abrir o carril.