Anticiclón nas Rías Baixas ata que o xoves cheguen borrascas atlánticas con chuvias para toda a ponte
Por Redacción
As choivas aparecerán de cara á fin de semana nas Rías Baixas alongándose durante o festivo do 1 de novembro, segundo avanzan desde o servizo de Meteogalicia.
Este martes Galicia atópase baixo a influencia das altas presións. Durante esta xornada haberá ceos pouco nubrados ou despexados en xeral coa posibilidade de bancos de néboa matinais en puntos do interior da comunidade. As temperaturas mínimas experimentan un lixeiro descenso situándose en 10 graos mentres que as máximas ascenden levemente para establecerse en 21 graos. O vento soprará frouxo de compoñente sur.
A situación apenas variará durante o mércores 27 coa influencia anticiclónica afectando a toda Galicia. Espéranse ceos despexados con temperaturas entre os 11 e os 22 graos. O vento continuará soprando frouxo do sur.
Pero, xa o xoves, a influencia das altas presións perderase debido á entrada dunha fronte fría polo noroeste. O ceo presentará durante a mañá nubes de tipo medio e alto, pero a medida que avance a xornada as nubes cubrirán a comunidade con posibilidade de precipitacións xeneralizadas a partir da tarde. As temperaturas mínimas ascenderán lixeiramente e as máximas baixarán para moverse entre os 13 e os 21 graos. O vento soprará forte de compoñente sur no litoral e nas zonas altas.
As borrascas atlánticas dominarán a situación meteorolóxica a partir do venres e ao longo dos tres seguintes días, vencellados á ponte da festividade de Todos os Santos. A probabilidade de precipitacións será alta e as temperaturas manteranse con valores baixos para esta época do ano, entre os 13 e os 18 graos.