Caravana de escolares para acceder en bici ao colexio Sequelo
Por Redacción
Ao redor de 90 alumnos e alumnas de todos os cursos do Centro de Educación Primaria Sequelo de Marín participaron este luns nunha xornada de mobilidade que lles permitiu aprender como chegar ata o seu centro en bicicleta.
A formación estivo impartida por dous axentes da Policía Local e voluntariado de Protección Civil.
A iniciativa naceu a raíz da instalación, por parte do Concello de Marín, dun aparcabicis no centro, polo que desde o equipo directivo solicitouse á Policía Local unha xornada formativa que lle ensinase ao alumnado nocións esenciais de seguridade viaria.
O principal obxectivo desta xornada foi que os escolares circulen seguros, coñecendo as normas que facilitan a coexistencia de bicicletas cos peóns e co resto do tránsito rodado.
Os participantes recibiron primeiro unha pequena sesión teórica, na que lles explicaron os elementos máis importantes da bici e en que estado deben estar para evitar problemas e accidentes.
Despois, realizouse unha saída pola contorna do centro educativo, facendo un dos itinerarios máis comúns que farán os rapaces que queiran ir en bicicleta ao colexio.
Con esta iniciativa, desde o Concello indícase que se fomenta entre a mocidade o uso dun medio de transporte non contaminante, como é a bicicleta, á par que se lles anima a levar hábitos de vida saudables, cos que coidarse a si mesmos e ao medio ambiente.