Os sindicatos da Policía Nacional solicitan a mellora de servizos de atención á cidadanía
Por Redacción
A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, recibiu este luns na sede da Subdelegación a representantes dos sindicatos da Policía Nacional, Unión Federal de Policía (UFP), Confederación Española de Policía (CEP) e Alternativa Sindical de Policía (ASP).
Segundo a información que traslada o gabinete de prensa da Subdelegación, os colectivos sindicais trasladaron unha serie de propostas relacionadas coa mellora de servizos de atención á cidadanía, destacando a solicitude para incrementar os servizos de loita contra a violencia de xénero na comisaría de Vigo.
"Maica Larriba comprometeuse a estudar todas as demandas sindicais para tratar de mellorar as condicións do colectivo policial e os servizos prestados na atención aos cidadáns", aseguran dende a Subdelegación.
Finalmente, subliñou o "esforzo" realizado polo Goberno para "recuperar os recortes do pasado" en materia de persoal, lembrando que "durante os últimos tres anos foron case 14.000 as prazas ofertadas para Policía Nacional co obxectivo de paliar o déficit acumulado desde 2008".