Maiores de Mourente, Marcón, Tomeza e Salcedo 'espertarán' a través da musicoterapia
Por Redacción
As parroquias pontevedresas de Mourente, Marcón, Tomeza e Salcedo acollerán durante os meses de novembro e decembro actividades do programa 'Espertar', promovido pola Concellería de Benestar Social e dirixido á poboación maior.
'Espertar' traducirase na realización dun curso que busca mellorar o benestar e a saúde emocional destes veciños e veciñas, tendo a música, o movemento e o xogo como fíos condutores.
O programa responde ao compromiso municipal "co fomento da participación solidaria dos distintos colectivos sociais" e organízase en colaboración co colectivo de formación e xestión sociocultural Anias.
O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, explica que os talleres serán impartidos empregando as ferramentas de disciplinas como a musicoterapia e a risoterapia, permitindo "unha mellora emocional e social dos participantes". O obxectivo, segundo o edil, é "aumentar o estado de benestar persoal e social, fomentando a relación con outros veciños e veciñas, sempre coa música como eixo".
O curso será totalmente de balde, sendo imprescindible inscribirse previamente a través do email evitasouto3@hotmail.com e dos teléfonos 622 513 274 e 649 34 64 57, cun máximo de dez prazas por parroquia.
Os talleres terán lugar:
- En Salcedo, todos os martes entre o 2 de novembro e o 14 de decembro, en horario de 19:00 a 20:30 horas, no local da Comunidade de Montes.
- En Mourente, todos os mércores entre o 3 de novembro e o 15 de decembro, en horario de 18:30 a 20:00 horas, na Sociedade Cultural e Deportiva de Mourente.
- En Marcón, todos os xoves entre o 4 de novembro e o 16 de decembro, en horario de 17:30 a 19:00 horas, na Casa de Cultura.
- En Tomeza, todos os martes entre o 2 de novembro e o 14 de decembro, en horario de 11:00 a 12:30 horas, no Local Social (antiga escola de Lusquiños).