Condenan un promotor musical que fixo crer a un grupo pontevedrés que Sony distribuiría o seu novo disco
Por Natalia Puga
A Audiencia Provincial de Pontevedra acaba de confirmar unha condena a seis meses de prisión para un promotor pontevedrés por estafar a un grupo local, 'Al fondo hay sitio', que lle pagou polo lanzamento do seu novo disco, e ao que fixo crer que o traballo o distribuiría a compañía Sony. Con todo, nin sequera chegou a ver a luz.
O fallo do tribunal da sección segunda da Audiencia pontevedresa confirma un previo do Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra, contra o que o condenado interpuxo recurso de apelación. Agora, aínda cabe opción doutro recurso de casación.
A sentenza confirma que o citado promotor é autor dun delito de estafa cometido no ano 2016 na súa faceta como profesional que se dedica á promoción e representación de artistas usando o nome comercial de 'popadrados'.
O citado grupo musical pontevedrés contratárao no ano 2014 para facer a súa promoción musical, pactando unha contraprestación de 500 euros ao mes e en 2016 un dos seus integrantes fíxolle saber que tiñan novo disco.
A partir de aí, "coa finalidade de obter un beneficio económico ilícito" e "sabendo que non ía facer fronte ao seu compromiso", propúxolles xestionar o seu lanzamento encargándose de contratar cunha empresa a realización das copias do disco. Antes de facer a transferencia, díxolle a un dos membros do grupo que probablemente os ía a distribuír a Compañía Sony.
A sentenza recolle que o grupo lle pago 570 euros "confiando no prestixio profesional do acusado", pois ya os promocionara tempo atrás. En realidade, o acusado non fixera ningunha xestión para encargar as copias do disco e quedou co diñeiro.